DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expertos xuristas na xornada ‘Seguridade Viaria e Mediación Penal, unha posibilidade viable?’

Os delitos contra a seguridade viaria xa copan o 43% dos xuízos rápidos

En Galicia a resolución extraxudicial de conflitos só se leva a cabo nos casos nos que están implica

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 17/11/2011

A seguridade viaria é unha das maiores preocupacións do Estado, que levou a cabo unha reforma lexislativa que acentúa as sancións cando se cometen infraccións ao volante. O motivo: os máis de 1700 mortos e os case 8000 feridos graves nas estradas españolas ao longo de 2010. Só na provincia de Pontevedra se superaron as 25.000 dilixencias por lesións imprudentes, “uns datos que fan valorar a sangría humana que supoñen uns ilícitos penais ligados sobre todo a exceso de alcol e de velocidade”, asegurou Juan Carlos Aladro, Fiscal Xefe Provincial de Pontevedra e un dos expertos que participou hoxe na xornada Seguridade Viaria e Mediación Penal, unha posibilidade viable? Coa mediación como unha das posibles vía de resolución extraxudicial de conflitos abríndose paso nos últimos tempos, esta serie de relatorios e mesas redondas tratou de reflexionar sobre a posibilidade proposta xa dende a Fiscalía General del Estado de aplicar formas de mediación en casos de accidentes con vítimas graves ou mortais. Un curso “que espertou moita expectación e encheu a mesa de representantes ilustres”, como explicou Inmaculada Valeije, secretaria xeral da Universidade de Vigo.

Os delitos contra a seguridade viaria copan os procesos xudiciais en España: o 43% dos xuízos urxentes son por cuestións de tráfico, pero tamén representan case a metade dos delitos calificados e un 9% dos procedementos abreviados. Unhas cifras que “fan a calquera darse conta de que o sistema está colapsado e de que non reeduca”, pero que non acaba de mudar. En Galicia a mediación penal soamente se da en casos de menores, onde o ano pasado conseguiron solucionar por esta vía o 14% dos conflitos. Entre todos estes casos remitíronse ao servizo de mediación 18 expedientes relacionados coa seguridade viaria, dos que 10 xa foron resoltos conseguindo “unha triple finalidade: conciliación, reparación e reeducación”, subliñou Aladro.

Menor colapso, menos custes

Sen embargo, esta vía de xustiza "punitiva, restaurativa", non prendeu a nivel xeral, aínda que algunhas comunidades autónomas como Cataluña, con 52 xulgados adheridos, están a conseguir importantes resultados. En Galicia, nin unha soa experiencia. “No caso dos adultos todo apunta a que o sistema quebrou, caducou: en 2009 incoáronse 9 millóns de delitos en toda España, uns procedementos que se arrastran dun ano para outro, producindo un efecto de conxestión e creando ansiedade en vítima e imputado e supoñendo uns importantes custos para o Estado: o prezo medio dun litixio é de 1.388 euros ao que hai que engadir a carga que representan os nosos presos, 157 por cada 100.000 habitantes”, recalcou Aladro. En Pontevedra as cifras tampouco auguran nada bo: o ano pasado rexistráronse 101.000 procedementos, con case 5000 xuízos urxentes ou 15.000 de faltas. A mediación “igual non é a panacea, pero sen dúbida é unha solución máis que podemos aplicar ao sistema” e que trae consigo “unha mellora da imaxe social da xustiza, a individualización das penas, a clara función de rehabilitación e a redución de custes e o aforro na economía procesual”.

Altas cifras de criminalidade

Unha das polémicas que xera a inclusión dos delitos contra a seguridade viaria como penais de xeito estrito é “que dá lugar a unhas cifras de criminalidade enorme cando non houbo dano”, como argumentou Diego Manuel Luzón, catedrático de Dereito Penal da Universidade de Alcalá, referíndose a considerar delito grave superar unha taxa de alcoholemia ou un exceso de velocidade sen ter en conta se de verdade se produce unha condución temeraria e sen admitir probas en contra. “Para moitos xuristas isto vai contra o principio de lesividade e de legalidade da Constitución se se aplican as normas de xeito restritivo”, concluíu.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Internacional das Ciencias Penais e catedrático da Universidade de Vigo, Javier de Vicente Remesal, fixo fincapé na proposta de que se agrave a responsabilidade cando nun accidente de circulación hai unha vítima mortal. “A siniestralidade nas estradas é alta e se están a aplicar medidas técnicas, normativas, legais... para intentar atallar o problema”, recorda Remesal que explicou como posibles alternativas para a aplicación da consideración de delito os sinistros con mortos a restrición da norma ao ámbito da seguridade viaria ou “manter a regulación vixente, ver o que dá de si e se se está aplicando da forma axeitada”.