DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa exposición 'Esdemga 2010. A moda como proxecto'

Os deseñadores de Esdemga íspense na Casa Galega da Cultura

Recolle 30 traballos cos que tentar facer visible o traballo do alumnado desta titulación do campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 16/12/2010
Entre as bambalinas do último curso de Esdemga. Así é como pretende facer sentir ao público a mostra Esdemga 2010. A moda como proxecto, unha escolma que recolle na Casa Galega da Cultura de Vigo preto de 30 traballos dos alumnos que cursaron o ano pasado Estudos Superiores en Deseño Textil e Moda de Galicia. “Con esta achega de prendas feita polo alumnado queremos facer visible como se traballa na escola, achegarnos á xente”, explicou Cristina Varela, comisaria da exposición. Como asegurou Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria, un bo modo de “potenciar non só o Campus do Mar, senón tamén o campus das teas. Só espero que o público goce e aprenda moito con ela”.

Para conseguir todos estes obxectivos, a mostra ofrece unha “dobre visión en dúas zonas separadas”, recalca Varela. A primeira perspectiva, concebida dende a experimentación e o contaxio coa gráfica, parte dunha proposta conxunta coa Central Saint Martins of London, un proxecto internacional altamente experimental e suxeito a resultados desiguais, interesantes e enriquecedores que se amosa “reforzado por un vídeo dun desfile para ver as prendas no seu contexto”.

Mentres, a segunda parte da exposición recolle o estilismo de cada un dos estudantes da cuarta promoción de Esdemga que presentaron os seus proxectos de fin de carreira na pasarela Debut'10. En total 12 visións persoais sobre temas tan afastados como os monstruos ou a memoria para deseños con distintas liñas de experimentación e diferentes materiais cos que berrarlle ao mundo a súa forma de sentir. Empregan o deseño como linguaxe propia para a creación e a comunicación.

Colaboración imprescindible

O concelleiro de Cultura de Vigo, Xesús López, tamén quixo aproveitar a inauguración para brindar unhas verbas de apoio aos creadores da mostra, que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 30 de xaneiro. Despois de case catro anos como cara visible desta concellería “algunhas das maiores satisfaccións chegaron a través do convenio asinado coa Universidade de Vigo para traballar de xeito conxunto nun campo tan rico e inabarcable como é a cultura”, suliñou. Con exposicións anuais na Casa Galega da Cultura dende 2007, cada ano conseguen “sorprenderme”, a última vez cunha mostra na que 16 artistas amosaban unha visión creativa e crítica de Vigo nun proxecto sobre estratexias urbanas deslocalizadas. “Agora chega un proxecto innovador, cheo de frescura que achega xuventude e que volve a amosar a aposta da Universidade de Vigo pola cultura na cidade”, rematou López.