DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de Silvia García

Os diagramas revélanse como un dispositivo de comunicación que permite unha relectura das imaxes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 03/06/2009

Aínda é posible que nos deteñamos a reflexionar diante dunha imaxe? As representacións impactantes invaden a nosa contorna cotiá intentando secuestrar a nosa atención. A maioría delas conteñen unha mensaxe publicitaria, un aspecto co que a arte non pode (e probablemente tampouco deba) competir. Sen embargo, esa saturación de imaxes obriga os artistas a buscar novos dispositivos para achegarse ao espectador. Segundo a investigación realizada por Silvia García, A cidade eventual: diagramas e narrativas visuais, os diagramas poden ser unha boa opción.
A tese de García, dirixida por Teresa Pajares e Dolores Dopico e merecente dun sobresaliente cum laude, buscaba atopar “unha disposición das imaxes que permitise unha relectura máis pausada” e a saída que estudou foi a disposición das imaxes en diagramas: unha constelación de fotografías (sen pé de foto nin información que sitúe a fotografía nun contexto concreto) que se dispoñen ao longo do espazo e cos que cada un establece o seu itinerario, liberando ao espectador da liñalidade á que está afeito, apegada á secuencialidade da serie fotográfica ou libro.

Teoría e praxe

Praxe e teoría foron da man no traballo de García. Visitou distintas cidades do mundo como Roma, Milán, Iasi (Romanía), Londres, Tokio ou Osaka, que fotografou “cun achegamento de etnóloga focalizando á xente e a vida da rúa”, explica. Todo un corpus fotográfico que recuperou na última fase do proxecto para elaborar diagramas que instalou na biblioteca de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela e na antiga escola Torrecino en Cela, Bueu. Dous espazos que non son os lugares habituais de exposición e, polo tanto, os espectadores non teñen un prexuízo ante o que van ver.
A reacción dos espectadores na lectura das imaxes, “anónimas, sen lugares turísticos ou que coñecesen e sen ningún tipo de información engadida”, foron moi dispares. Mediante conversas co público, García descubriu como había quen tomaba como tema do diagrama “a actitude defensiva que adoptamos ante as fotografías que se fan na rúa, a curiosidade por aspectos alleos á nosa cultura (unha imaxe amosaba a xente esperando o autobús en Xapón en crequenas) ou como unha nena chegaba a considerar que o tema das fotografías era a enfermidade”.

Final dunha investigación e comezo doutra

“Creo que cumprín o obxectivo principal da tese pero hai que seguir profundizando”, apunta García, que xa está inmersa noutro proxecto, desta vez, no Centro Galego de Arte Contemporánea. O diagrama mantense como ferramenta e vehículo dunha serie de fotos antigas de mulleres recollidas en distintos mercadiños (de Italia, Xapón..) que reflicten a actitude das mulleres na pose fotográfica. Nesta ocasión o diagrama fai referencia á contradición entre a pose seria de Alicia Lidell nas fotografías que lle facía Lewis Carroll e o personaxe do libro, propoñendo unha relectura da nosa bagaxe visual da tradición da muller como modelo fotográfico.