DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os diplomados en Fisioterapia apostan por pasarse ao grao

As dez prazas ofertadas para que os profesionais en activo obten ao grao quedaron escasas ante as nu

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 28/09/2009

O curso de adaptación ao grao que a EU de Fisioterapia ofertou este verán creou unha alta expectación entre os diplomados que estan exercendo a profesión. Proba diso son as cincuenta solicitudes recibidas, algunhas delas chegadas desde fóra de Galicia, para as 10 prazas ofertadas. Máis aló das cifras, para o director da escola, Manuel Gutierrez, "o feito resulta aínda máis destacado tendo en conta que a resolución reitoral da posta en marcha do curso saíu a finais de xullo e só houbo catro días, os primeiros de setembro, para presentar as solicitudes”. “Tivo moi boa acollida”, apunta. Deste xeito, o equipo diretivo do centro supera un dos desafíos que afrontaba, o de dar resposta á demanda daqueles diplomados en Fisioterapia que desexan acadar a titulación de grao.
A opción do curso de adaptación presentouse para aqueles que acreditasen unha experiencia laboral mínima de tres anos a tempo completo e un mínimo de 100 horas presenciais de formación de posgrao ou continuada de carácter presencial organizada ou recoñecida por institucións públicas. De feito, Gutiérrez apunta que hai alumnos que teñen máis de 16 anos de experiencia e agora volven ás aulas. Debido ás súas especiais características, a formación deste curso será principalmente online para que os estudantes poidan compaxinalo co desenvolvemento do seu labor profesional. Deste xeito, para completar o curso só deberán superar a materia Metodoloxía da investigación en ciencias da saúde e desenvolver o traballo de fin de grao.
Agora o reto da escola será manter a docencia da diplomatura para aqueles alumnos que quedaron no plan antigo e compaxinala coa do novo plan. “Vai ser máis complicado que calquera outro ano, no que todo vai rodado”, sinala Gutiérrez, e para iso xa está en marcha o proceso de contratación de novo profesorado, que se incorporará nas vindeiras semanas.

Incidencia nas prácticas clínicas

Co novo plan, aumenta a carga docente e esa ampliación nos contidos reflectirase, fundamentalmente, na formación clínica, que verá reducido o ratio de alumnos nas súas prácticas, que pasará de 18 ou 20 alumnos por docente, a 12 ou 14. Nesta liña, o equipo directivo vén negociando nas últimas semanas varios convenios de colaboración con entidades como o hospital Povisa, La Merced (cun programa de lesionados medulares ao que a fisioterapia ten moito que aportar) ou colectivos como a Asociación Xoán XXIII ou Amencer; ademais das prazas no sistema público, concentradas basicamente no Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Bolsa de colaboración nas accións de innovación e mellora da calidade

Nesa liña de mellora dos servizos que o centro quere ofrecer ao alumnado, convócase unha bolsa de colaboración nas accións de innovación e mellora da calidade para estudantes da Universidade. Poderán presentarse como candidatos aqueles estudantes da Universidade, con preferencia para os da propia escola, que posúan coñecementos e experiencia no desenvolvemento de sistemas de xestión da calidade, dominio no manexo de ferramentas ofimáticas, programación para Internet en HTML, ademais de iniciativa propia e capacidade de integración en equipos de traballo e coñecementos de creación e mantemento de páxinas web.
Durante o tempo da colaboración coa escola, o bolseiro dedicará 20 horas semanais á realización das actividades de apoio e colaborará estreitamente co equipo directivo do centro, ademais de coa Área de Calidade da Universidade, para realizar o proceso coa máxima eficacia e fiabilidade.
As bolsas xa se poden solicitar, presentando o impreso de solicitude, acompañado do currículo actualizado e mailo expediente académico nos rexistros de campus (na EUET Forestal en Pontevedra) antes do 1 de outubro. Unha comisión de selección formada polo director, a secretaria e mais un profesor da escola será a encargada de seleccionar aos candidatos segundo os requisitos establecidos. A duración da bolsa será por un período de seis meses e a contía ascende a 2.160 euros, que se completarán en catro pagamentos.