DUVI

Diario da Universidade de Vigo

II Premio de Investigación do Colexio de Economistas de Ourense

Os directivos de empresas de alta tecnoloxía apostan cada vez máis polo capital humano

O traballo de fin de grao de Alba Rodríguez sobre sobre a influencia dos estilos de liderados foi o

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 25/11/2014
“Unha máquina poden tela moitas empresas, só hai que ter cartos, pero a unha persoa que sexa boa no seu campo e traballe ben soamente a tes ti, non o teu competidor, e esa é unha vantaxe moi importante”. Esa é unha das principais conclusións do traballo de fin de grao de Alba Rodríguez, Influenzas dos estilos de liderado nas organizacións. O caso das empresas de servizos avanzados, co que acaba de gañar o II Premio de Investigación do Colexio de Economistas de Ourense, ao que cada ano concorren “máis traballos e de maior calidade, o que indica o alto nivel do noso alumnado”, como explicou a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Elena Rivo, durante a entrega dos galardóns.

Este estudo feito por esta graduada en Administración e Dirección de Empresas no campus de Ourense permite coñecer a tendencia actual dos distintos estilos de liderado que desenvolven os directivos de empresas de alto nivel tecnolóxico, que están a adaptarse aos novos tempos. “Este tipo de entidades, que precisas recursos humanos moi cualificados, danlle cada vez máis importancia ao capital humano, valorando moito a formación e o traballo, por exemplo, fronte aos resultados, como se primaba antes. Agora queren que os traballadores se sintan cómodos na empresa, porque eles son a fonte de diferenciación nunha contorna tan globalizada e competitiva”, salientou Rodríguez, para quen este premio supón “un recoñecemento moi importante”.

O xurado quixo conceder nesta segunda edición dous accésit, xa que “este ano a calidade dos traballos sorprendeunos e fíxonos moi difícil tomar unha decisión”, asegurou Guillerme Díez, decano do Colexio de Economistas de Ourense. O primeiro deles foi para Amara Gallego, graduada en Turismo, polo traballo Indicadores de sostibilidade turística. Aplicación da capacidade de carga á festa do polbo do Carballiño, mentres que o segundo accésit foi para o graduado en ADE Miguel Ángel González, que fixo o seu proxecto sobre Mercado do automóbil, fiscalidade e plans de aferrallamento.

Estreitar lazos de colaboración

Na entrega de premios tamén estiveron presentes José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense, e José Manuel Baltar, presidente da Deputación provincial, quen aproveitou a ocasión para sinalar que a colaboración nos eixos de economía, empresa e turismo son na provincia un sinónimo de competitividade. Baltar tamén fixo fincapé na colaboración entre a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e a Deputación de Ourense, que se materializará no 2015 coa realización dun Plan de Emprego para mozos e mozas e nun programa de bolsas, sempre “coa mirada posta na competitividade, na modernidade e no avance universitario e social da nosa provincia”.

Recuperación, pero lenta

O acto de entrega de premios arrancou coa conferencia de Víctor Casal, director de Financiamento de Empresas de //Abanca, que quixo achegar ao público presente algúns datos sobre a realidade económica de España en xeral e Galicia en particular. Segundo os estudos que manexa a entidade, a nivel estatal estase a vivir unha gradual recuperación, aínda que a nivel de emprego está a ser máis lenta. Mentres, en Galicia a crise “presentou un comportamento lixeiramente menos negativo que no resto do país, aínda que iso supón que somos os últimos en sufrila pero tamén en saír dela”. Fortalezas no sector industrial e de consumo como unha maior apertura ao exterior e ás exportacións, un menor endebedamento privado ou unhas finanzas públicas máis saneadas deben competir con desaxusten estruturais que lastran a saída, como unha demografía envellecida ou uns niveis de investimento en innovación moi por debaixo da media nacional e europea.