DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os directores das escolas de enxeñaría e de arquitectura galegas solicitan máis horas presenciais nos novos plans de estudos

A III Reunión da Conferencia de Directores tivo lugar na EU de Enxeñaría Técnica Forestal

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
E.L. Castro DUVI 04/12/2009

A conferencia de directores das escolas de enxeñaría e arquitectura galegas celebrou esta semana a súa terceira reunión na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, unha xuntanza que tivo como obxectivo principal debater as cuestións relativas á planificación de estratexias comúns de colaboración de cara á adaptación das titulacións dos seus centros ao Espazo Europeo de Educación Superior, EEES. Neste sentido, a súa prioridade, segundo indicou Luis Ortiz, director da escola de Forestais do campus pontevedrés, é acadar unha carga de presencialidade maior á proporción establecida polos créditos ECTS (European Credit Transfer System). “É algo que xa levamos reclamando dende hai tempo, porque co novo plan a carga docente queda reducida practicamente á metade e isto repercutirá na preparación profesional do alumnado”. Neste sentido solicitan unha ampliación das oito horas presenciais previstas neste momento por crédito ECTS ata dez horas.

Implantación desigual e heteroxeneidade de criterios

Así mesmo, Luis Ortiz sinalou que existe unha disparidade de criterios e tamén unha desigualdade no proceso de implantación dos novos plans de estudos entre as diferentes universidades. Considera, polo tanto, “fundamental o intercambio de impresións e experiencias e ter referencias dos avances realizados nese camiño nas diferentes escolas”. O director da EUET Forestal quixo remarcar as diferenzas no ritmo de adaptación ao Plan Bolonia entre as tres universidades, sendo a da Coruña a que nestes momentos se atopa con máis atrancos. Segundo Ortiz, “segue habendo disparidade de criterios na aplicación debido á enorme preocupación que existe entre os directores por manter o prestixio das escolas”. Neste contexto cre fundamental axilizar o proceso pola premura da implantación, que ten que ser efectiva no vindeiro curso 2010-11, camiño no que seguirán traballando en vindeiras reunións.
No caso de Vigo, todos os plan de adaptación das titulacións das escolas xa foron aprobados pola xunta de goberno, agás os das enxeñarías de Minas e Industrial, que, segundo Ortiz, deberían facelo nos próximos meses.
Participaron no encontro os directores das escolas de Enxeñaría Industrial, Forestal, Telecomunicación e Minas, por parte da Universidade de Vigo; da Escola Politécnica Superior e das escolas de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e Arquitectura, no caso da Universidade da Coruña; e da Escola Politécnica Superior de Lugo, pola Universidade de Santiago de Compostela. Nas vindeiras edicións contarase coa incorporación de membros da dirección das escolas de Enxeñaría Informática e Agrícola.