DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro da oferta da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

Os docentes aprenderán a empregar as novas ferramentas da Web 2.0 a través dun curso

Estas aplicacións favorecen a aprendizaxe dos alumnos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 21/01/2009

Na actualidade Internet está a experimentar unha enorme transformación. Existen cada vez máis ferramentas que permiten crear contidos de xeito sinxelo e compartilos con outros usuarios da rede de xeito que os usuarios pasan de ser consumidores de información a participar activamente na construción de contidos. Estes cambios tamén teñen o seu reflexo no mundo educativo xa que estas aplicacións pódense integrar nas actividades docentes facilitando a aprendizaxe. Por este motivo, a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, incluíu dentro das accións formativas destinadas ao profesorado da Universidade de Vigo o curso Aplicacións Educativas da Web 2.0 co que se tratará de “poñer en contacto aos docentes co mundo das ferramentas de Internet e dar a coñecer de que xeito se poden integrar na súas tarefas diarias”, explicou Pedro Cuesta, encargado de impartir as clases.
Hai que dicir que esta é a segunda edición do curso e “xa non quedan prazas. Tan só 45 minutos despois de que se abrise a matrícula a cota estaba completa”, o que confirma “o éxito e o interese dos seus contidos”. O que máis valoran os inscritos “é a variedade e aplicabilidade das ferramentas que se ensinan o seu labor docente”, dixo Cuesta.

Ferramentas na rede

“Os novos servizos que están a xurdir na rede baséanse en que son os propios usuarios os que crean os contidos e, ademais, son quen de compartilos con outras persoas”, comentou Cuesta. Todas estas ferramentas poden ser empregadas polos docentes para “favorecer o aprendizaxe dos alumnos xa que melloran o desenvolvemento das súas capacidades e competencias”. Ademais dos blogs e wikis, Cuesta inclúe no seu programa, outras ferramentas non tan coñecidas e empregadas como “os marcadores sociais, de sindicación, de microblogging e de redes socias”. En definitiva o curso servirá para facer “un repaso á actualidade tecnolóxica”.

Estrutura do curso

O curso é eminentemente práctico, polo que a presenza é obrigatoria, polo menos a oito das dez sesións en que se divide o programa. Durante as clases estudarase de xeito teórico “os fundamentos da Web 2.0 e as ferramentas que ofrece” para pasar a continuación a realizar “unha actividade práctica con cada aplicación o que permitirá experimentar e coñecela mellor”, explicou Cuesta. As clases terán lugar dende o 2 ata o 25 de febreiro, tódolos luns, mércores e venres lectivos de 17.00 a 19.00 horas.