DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso terá lugar os días 22, 27 e 29 de abril e o 4 e 6 de maio na Facultade de Dereito

Os docentes aprenderán a empregar textos histórico-científicos nas aulas para facilitar a comprensión do alumnado

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 23/03/2009

O emprego de textos histórico-científicos no ensino facilita a comprensión por parte do alumnado, ao tempo que a resolución de problemas relativos a situacións da vida real, do pasado, neste caso, pode resultar de utilidade para contribuír á adquisición de habilidades transferibles a diversos ámbitos do coñecemento. Partindo da experiencia de utilización deste tipo de documentos nas aulas de Ensino Secundario Obrigatorio e Bacharelato, así como na universidade, os profesores María Mercedes Álvarez Lires e Uxío Pérez Rodríguez, impartirán o curso de formación do persoal docente Utilización de textos históricos-científicos na aula, organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa. “Esta é a segunda edición que se fai, xa que tivo moi boa acollida por parte do profesorado a vez anterior”, comenta Álvarez Lires.
As razóns que levaron a celebración deste curso, de carácter presencial, son diversas; por unha banda, atópase a utilidade de ensinar Historia das Ciencias e das Técnicas (HTC) en todas as disciplinas dos ámbitos científico e tecnolóxico e, doutro lado, atópase o problema que supón que o profesorado “non reciba formación no campo da HCT nas facultades nin nas escolas universitarias e moito menos no que respecta á súa utilización didáctica”, explica a docente. Precisamente este último motivo é o que leva a que este sexa un curso de iniciación, un primeiro achegamento a unha formación necesaria para introducir a HCT nas aulas.

Obxectivos e contidos

Coa finalidade de analizar as fontes primarias no estudo de temas científicos para traballar na aula, situalas no seu contexto e reflexionar sobre distintas visións neste eido, o curso iniciará a súa actividade co nacemento e consolidación da ciencia moderna europea nos séculos XVII e XVIII. A continuación farase un repaso polo estudo dos erros detectados no tratamento da astronomía nos libros de texto, a obra de frei Martín Sarmiento e doutros autores, as diversas contribucións das mulleres á ciencia nuclear e rematará cun obradoiro de textos histórico-científicos.
O curso será impartido conxuntamente por ambos docentes co “obxectivo de prestar atención aos diversos intereses do profesorado asistente”, explica Álvarez Lires. As clases comezarán cunha detección das ideas previas, expectativas e coñecementos dos participantes coa finalidade de “adaptarnos o máis posible a súa realidade”. Nas sesións alternaranse partes expositivas con debates e análise de textos en pequenos grupos e xa na parte final do curso, examinaranse as posibles aplicacións didácticas da HTC nas aulas. As clases terán lugar os días 22, 27 e 29 de abril e o 4 e 6 de maio en horario de 17 a 19 horas na aula 1.1 da Facultade de Dereito.
Todos aqueles matriculados que acudan, polo menos, a catro das cinco sesións presenciais completas recibirán un diploma acreditativo.