DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta actividade formativa terá lugar na Casa das Campás entre o 2 de febreiro e o 13 de abril

Os docentes aprenderán nun curso como enfrontarse ao estrés xerado polos cambios no modelo educativo

O prazo de inscrición estará aberto ata o 31 de xaneiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 19/01/2010

O novo modelo de ensino require unha aprendizaxe máis activa por parte dos alumnos, na que o profesor intervén como un guía. Este cambio de roles orixina inquedanzas e distorsións emocionais nas aulas. Coa finalidade de facilitarlle ao profesorado unhas habilidades para afrontar con éxito a súa adaptación ao EEES e saber manexar a síndrome xeral de adaptación (estrés) e a ansiedade, así como minimizar os efectos de calquera tipo de emoción aflitiva desenvolverase o curso Meditación de atención plena no proceso de ensino-aprendizaxe na Casa das Campás. O período de matrícula para esta actividade formativa permanecerá aberto ata o 31 de xaneiro e as clases terán lugar nos meses de febreiro, marzo e abril.

Identificar as causas do estrés e saber tratalo

Como sinala o profesor do curso, José Vicente Novegil, “polo xeral á xente non lle gustan os cambios e isto xera problemas”. No caso concreto da Universidade, os profesores e profesoras teñen que asumir novos roles docentes e investigadores no marco do EEES. De aí que, explica Novegil, “o curso parta dos conceptos da intelixencia emocional para afrontar todos eses retos, que requiren unha toma de conciencia por parte de quen sofre os cambios”. A base do curso pasa por comprender o mecanismo de funcionamento da síndrome xeral de adaptación e do trastorno de ansiedade no proceso de ensino e aprendizaxe, saber identificar as súas causas e saber como tratalo. Deste xeito, un docente emocionalmente funcional poderá detectar o conflito emocional nos seus alumnos e facilitar a mellora de actitudes cara a súa materia.

Ioga e meditación de atención plena

O profesor do curso destaca que “hai programas desenvolvidos nos Estados Unidos e probados científicamente, que certifican os bos resultados da meditación de atención plena”. Con base nisto, as súas clases terán un funcionamento eminentemente práctico, no que empregará basicamente o ioga e a meditación de atención plena, “para traer a mente ao presente”. “A maioría das situacións de ansiedade, estrés ou de preocupación xorden porque estamos sempre pensando no futuro ou nos machacamos co pasado”, explica, polo que considera moi efectivos este tipo de exercicios que requiren a máxima concentración no que se está facendo, sobre todo, tendo en conta que “os profesores traballan máis coa mente que co corpo”.
José Vicente Novegil Souto é profesor da Universidade de Vigo, dentro do Departamento de Estatística e Investigación Operativa. Sabe, polo tanto, do que fala e a súa propia experiencia levouno a formarse en iogaterapia, especialidade da que hoxe é instrutor.

Matrícula on line e certificado de asistencia

O Curso meditación de atención plena no proceso de ensino-aprendizaxe insírese dentro das accións formativas institucionais da Universidade de Vigo para o ano 2010. As devanditas accións están organizadas pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, a través da Área de Innovación Educativa. A matrícula pode formalizarse a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual e as vinte prazas ofertadas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. A asistencia ao curso será certificada pola Universidade de Vigo a todas aquelas persoas que asistan, polo menos, a oito sesións completas das dez que ten o curso. Pódese consultar máis información relativa a esta actividade formativa no seguinte enlace: Meditación de atención plena no proceso de ensino-aprendizaxe.