DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do Programa de formación permanente do profesorado

Os docentes aprenderán a reducir o estrés e a ansiedade e a afrontar situacións de conflito

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 02/03/2009

Ante situacións de conflito, o coñecemento de técnicas para a redución de estrés ou ansiedade preséntanse como ferramentas clave para afrontar a resolución das mesmas. Por este motivo e de cara ao novos roles que os docentes desenvolverán coa implantación plena do Espazo Europeo de Educación Superior, a vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa porá en marcha un curso sobre Meditación de atención plena para a redución das emocións aflitivas, estrés e ansiedade.
Esta iniciativa, enmarcada dentro do catálogo de cursos de formación permanente do profesorado ten como finalidade facilitar a adquisición destes novos roles por parte do profesorado dentro do EEES. A implantación destas funcións docentes, nunha primeira etapa, poden producir situacións de estrés e ansiedade e conflitos emocionais que este curso ensinará a controlar. O período de matrícula permanecerá aberto ata o 25 de marzo e a docencia impartirase entre o 26 do mesmo mes e o 4 de xuño, cun total de 20 horas, estando o número de prazas limitado a 20.
O profesor do Departamento de Estatística e Investigación Operativa, José Vicente Novegil, será o encargado de impartir un programa dividido en cinco bloques. Afondarase na importancia das emocións, aprenderán técnicas de respiración e de relaxación, de ioga e meditación de atención plena e tratarán as causas e condicións do estrés e da ansiedade no proceso de ensino e aprendizaxe.

Obxectivos do curso

A finalidade desta iniciativa é capacitar ao profesorado para adquirir actitudes emocionalmente funcionais que lle permitan integrar a asunción dos novos roles que require o EEES. Deste xeito, ao longo do programa os docentes achegaranse aos elementos básicos da reacción emocional, comprendendo o mecanismo de funcionamento da síndrome xeral de adaptación e do trastorno de ansiedade. Trátase de comprender o concepto de emoción, as súas funcións e tipos, a neurociencia da emoción, as repercusións psíquicas e físicas destas emocións, a fisioloxía respiratoria e do sistema respiratorio ao tempo que poderán coñecer diferentes métodos de relaxación e de meditación de atención plena.
Por outra banda, este curso capacitará ao profesorado para saber aplicar técnicas para enfrontar unha situación de estrés ou ansiedade no proceso de ensino, para o que aprenderán a distinguir de forma práctica o mecanismo respiratorio e as súas fases, coñecerán a fisioloxía respiratoria básica, os métodos de relaxación e os principios do ioga físico. Finalmente, e para completar a súa capacitación neste campo, tentarase favorecer o desenvolvemento de actitudes emocionalmente positivas para asumir estes novos roles que trae parellos a adaptación ao Plan Boloña, evitando a reacción conflitiva e apreciando a importancia das actitudes no proceso de ensino.
Máis información sobre o curso