DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conclúe a Semana Europea 2010 na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Os docentes europeos subliñan a importancia da mobilidade na formación do alumnado

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 16/04/2010

Di o profesor Gerhard Feldmeier, vicerreitor na universidade alemana de Bremenhaven, que os estudantes “deben ser moi conscientes da necesidade da internacionalización” e anímaos a completar os seus estudos no estranxeiro porque como afirma tamén Patricio Sánchez, vicedecano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus, “a mobilidade é unha das experiencias máis enriquecedoras en todos os sentidos, non só no formativo”. A necesidade de establecer redes internacionais entre as distintas universidades europeas e as vantaxes que ofrece a mobilidade aos membros da comunidade universitaria son as dúas conclusións máis importantes da Semana Europea 2010, unha iniciativa pioneira na Universidade de Vigo que se desenvolveu durante estes días na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e na que participaron oito profesores procedentes de seis países diferentes: Alemaña, Finlandia, Letonia, Italia, Portugal e, por suposto, España.
A actividade permitiu que os docentes estranxeiros transmitiran os seus coñecementos nos seus respectivos campos de estudo aos alumnos con clases integramente en inglés, facilitou o establecemento de novas e prometedoras relacións entre as diferentes institucións educativas e demostrou “a necesidade que temos tanto as universidades como os profesores de coñecernos e de aprender uns de outros para adquirir unha boa práctica”, segundo as palabras do profesor Feldmeier.

Desenvolver a actividade nun centro do exterior

A profesora letona Leva Stûre, da Universidade Vidzeme, participou na Semana Europea 2010 cun relatorio no que amosou aos alumnos como as diferenzas interculturais interveñen nos procesos de comunicación. A docente subliñou da experiencia a posibilidade que lle brindou “de establecer novos contactos con profesores de distintas institucións académicas”, unha calidade moi positiva porque lle permite regresar ao seu país “con novas ideas para poder aplicar alí”, explica. A italiana Laura Broccardo, da Universidade Degli Studi di Torino, vai un pouco máis alá. Despois de cualificar a iniciativa de “emocionante” e de agradecer “a enorme hospitalidade coa que nos recibiron no centro” asegura que esta actividade lle vai servir como modelo para pór en marcha unha iniciativa similar no seu país.
Na mesma liña de declaracións se expresa o profesor finlandés Teemu Laitinen, da Universidade Laurea, que lles explicou aos estudantes durante “a importancia dun elemento chave como é o plan de negocios a partir dunha determinada idea”. Participar na iniciativa supuxo para el “unha oportunidade para coñecer distintos modelos educativos” nunha actividade positiva tamén para o alumnado, “que debe darse conta de que a internacionalización é un referente na súa formación”. O profesor alemán Leonhard Firlus amosouse tamén “encantado de participar nesta experiencia” e asegura que repetirá o ano que ven “se hai ocasión”.

Preparando xa a segunda edición

Patricio Sánchez non agocha o seu “orgullo” polo feito de que esta iniciativa pioneira na Universidade de Vigo se celebrase no campus de Ourense “e, concretamente, na nosa facultade” porque, como subliñou, “se hai algo que está claro no mundo formativo e universitario de hoxe en día é a necesidade de internacionalización”. O vicedecano do centro cualificou de “un éxito” a iniciativa de xuntar nun mesmo espazo académico a oito docentes europeos e adianta xa que esta Semana Europea 2010 é só a primeira edición dunha actividade que se quere consolidar como un evento de referencia anual no campus.