DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os tres campus da Universidade acolleron un curso para aprender a crear simulacións e xogos virtuais

Os docentes lánzanse á creación de aventuras gráficas

O obxectivo da iniciativa é que poidan eles mesmos realizar materiais para innovar nas clases

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 06/02/2013
Un quebracabezas para nenos, un museo virtual, a simulación dunha práctica de laboratorio, dunha auscultación e dun negocio e un protocolo de extinción de incendios. Estes son algún dos froitos que deu nos tres campus da Universidade de Vigo o Taller de creación de xogos e simulacións educativas que esta semana rematou en Ourense. Nel, docentes e investigadores universitarios puxéronse na pel de creadores de videoxogos para eles mesmos aprender a facer aventuras gráficas, materiais interactivos que poidan logo empregar nas aulas ou usar para difundir os seus coñecementos.

O curso, organizado pola Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade a través da Área de Formación e Innovación Educativa, contou coa coordinación en Ourense de Cristina Batlle e coa docencia de Baltasar Fernández e Francisco Javier Torrente, docentes da Universidade Complutense de Madrid. “O obxectivo desta iniciativa foi ensinarlles aos participantes a empregar eAdventure, un sinxelo programa, gratuíto e aberto, creado polo noso grupo de investigación de e-learning. A ferramenta permite, sen coñecementos previos, deseñar e crear simulacións con estratexia de xogo”, explicou Baltasar Fernández. Estas simulacións, destacou Francisco Javier Torrente, son moi útiles para ensinar cuestións que é moi difícil aprender de xeito expositivo pois requiren a interacción do alumno, como por exemplo dominar unha técnica médica.

Moi motivador para docentes e para estudantes

“Fixemos este obradoiro en moitas universidades e o resultado na de Vigo é excelente. Os participantes amosaron un altísimo interese en aprender e en empregar estes materiais para mellorar as súas clases”, subliñou Baltasar Fernández. Como exemplo da calidade dos traballos realizados, os responsables da formación apuntaron algúns exemplos, como unha simulación que ensina a facer unha auscultación e que será empregada nunha materia da Facultade de Fisioterapia do campus de Pontevedra; unha visita virtual ao edificio da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo e unha aplicación que permite facer unha práctica de laboratorio e que será empregada nunha materia da Facultade de Ciencias de Ourense.

María José Pérez foi a docente que elaborou este último traballo. “É unha ferramenta estupenda, persoalmente estou entusiasmada co traballo que fixemos”, destacou no peche do curso. Na súa simulación, os estudantes van paso a paso aprendendo a realizar un práctica de microbioloxía, concretamente un cultivo bacteriano. Con imaxes reais de laboratorio de fondo, os alumnos van escollendo opcións, cometen erros que teñen que rectificar, fan acertos e van así percorrendo un camiño guiado ata finalizar o proceso correctamente.

O seu entusiasmo tamén o comparte o profesor Celso Campos, da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, que creou unha aplicación que permite a nenos de tres a seis anos realizar na pantalla do computador quebracabezas, arrastrando as pezas co rato. “Esta ferramenta é moi interesante non só porque permite dun xeito sinxelo crear simulacións e xogos, senón porque tamén se pode pór o produto resultante a libre disposición do público”, subliñou.

Para chegar a estes resultados os docentes tiveron que aprender a facer un guión, a crear personaxes, a marcar tempos e saídas, a articular conversas, a coidar a imaxe visual e un longo etcétera de cuestións. Con esta primeira experiencia piloto feita e con moitas ideas sobre as posibles aplicacións desta ferramenta, os participantes están convencidos do motivador que pode resultar esta fórmula para a aprendizaxe do alumnado pero tamén como aliciente para eles mesmos.