DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

Os docentes perfeccionarán as súas habilidades na creación de sitios web dinámicos

O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 23 de xaneiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 08/01/2009

Sen que nos deamos de conta, a convivencia cos ordenadores está obrigándonos a dominar unha nova forma de pensar: aquela que ten forma de bases de datos. Un modo de almacenaxe sistemático que está detrás de moitos sitios web e configura as súas entrañas. Para avanzar no seu dominio, o programa de formación permanente do profesorado que impulsa a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa organiza o Curso avanzado de creación de sitios web para o que xa está aberta a inscrición, que se pechará o día 23 ás 12.00 da mañá.
Está dirixido a aqueles aos que o curso de inciación lles soubo a pouco porque teñen que manexar bases de datos e precisan traballar con sitios web dinámicos. Segundo explica o profesor do curso, José Luís Martínez Orge, “non é programación pura e dura, pero si un pouco máis avanzado” que o nivel básico. O curso contempla “a configuración dun equipo como servidor web, o emprego de MySQL como servidor de bases de datos ou a administración do sitio con PHP”. Explicaranse as características fundamentais dos sitios web dinámicos, como instalar os seus propios formularios para o envío e almacenamento de datos, deseño de zonas de acceso restrinxido, creación de xogos de páxinas mestres para sitios de comercio electrónico ou o uso de CSS para o deseño das páxinas. Dreamweaver 8 foi a ferramenta empregada nas edicións máis básicas do curso e retomarase agora para o seu desenvolvemento.
Máis aló da ampliación das habilidades informáticas, os docentes poderán empregar os coñecementos adquiridos na creación de páxinas personais, blogs ou sistemas de publicación de noticias coas que converter a web nun soporte de apoio ás súas clases para unha ampliación de material e unha comunicación máis fluída. Os investigadores tamén demandan este tipo de cursos, que lles axudan na consulta de bases de datos vía web.

Matrícula online

O curso, de 20 horas de duración, celebrarase os días 26, 27, 28, 29 de xaneiro e 2, 3, 4, 10, 11 e 12 de febreiro de 10.00 a 12.00 h e ofértanse 20 prazas que se irán cubrindo por rigorosa orde de preinscrición. Os interesados poderán realizar a matrícula ou consultar o programa na plataforma Bubela. Entregarase un certificado de asistencia expedido pola Universidade aos que completen, cando menos, oito sesións presenciais completas das dez que compoñen o curso.