DUVI

Diario da Universidade de Vigo

I Trofeo Interuniversitario Eurorrexional

Os dragóns tomarán o Miño o 22 de maio nunha regata transfronteiriza

Competirán seis embarcacións, unha por cada universidade de Galicia e o norte de Portugal

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 14/04/2010
Os dragóns son embarcacións, con certa tradición en Portugal e reminiscencias orientais, que a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais recupera para desputar o I Trofeo Interuniversitario que se celebrará o vindeiro 22 de maio en augas de Tui. Na regata, que pretende ser un punto de encontro entre as comunidades educativas de Galicia e o norte de Portugal, daranse cita seis barcos dragón, un por cada universidade da eurorrexión, Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Minho, Tras os Montes e Porto. O obxectivo, segundo explicaron na rolda de prensa de presentación do trofeos os seus organizadores en Tui é “promovera a alianza e a cooperación” e a idea é convertela nunha cita anual coa regata clásica entre Oxford e Cambridge como referente.
O acto de presentación contou coa presenza do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza; o vicerreitor da Universidade do Minho, Rui Vieria de Castro; o tenente alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez; o director da Fundación CEER, Carlos Ferrás e o deportista Enrique Míguez, campión mundial de piragüismo.

Unha modalidade espectacular

A falta de raigame desta disciplina do remo na nosa contorna verase compensada coa gran vistosidade destas embarcacións que contarán cunha tripulación mixta, con cinco homes e cinco mulleres, máis un timonel e un tamborileiro, xa sexan homes ou mulleres. A organización, que conta co asesoramento dos servizos de deportes das universidades participantes decidiu escoller a modalidade de embarcacións tipo dragón “polo seu fácil manexo e a gran visibilidade”. O percorrido constará de nove quilómetros que se desputarán en auga do río Miño á altura de Tui, un dos berces do remo e do piragüismo en Galicia.
O evento conta co apoio da Secretaría Xeral de Deporte, o Concello de Tui, Fundación Mondariz Balneario, Instituto do Desporto de Portugal, Federación Galega de Piragüismo, Federação Portuguesa de canoagem, Associação de Canoagem do Minho, Associação de Canoagem do Porto, as seis Universidades públicas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Caixa Galicia e deportistas de elite como David Cal e Enrique Míguez.