DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 29 de abril ao 1 de maio Allariz acollerá o seu encontro anual

Os educadores celebran 25 anos de traballo pola paz

A resolución de conflitos será un dos eixes centrais de análise

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 12/04/2011
Son educadores e levan 25 anos traballando pola paz e a convivencia nos centros. O XXV Encontro galego-portugués de educadoras/es pola paz celébrase a finais de mes en Allariz coa conmemoración de fondo deste cuarto de século de esforzo e ilusión e co obxectivo de seguir avanzando na paz. A resolución de conflitos nas aulas, a violencia entre iguais e a harmonización da escola coa súa contorna serán algúns dos temas nos que os arredor de 150 expertos participantes intentarán dar un paso máis adiante.

Esta edición dos encontros celebrarase o 29 e 30 de abril e 1 de maio en Allariz, organizada por Educadores/as pola Paz-Nova Escola Galega, a Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, a Asociación Galego-Portuguesa de Educación para a Paz (AGAPPAZ) e o Movimento dos Educadores pela Paz de Portugal (MEP). “Desde a súa sétima edición non se celebraban en terras ourensás e polo tanto para nós é un motivo de orgullo a celebración deste 25 aniversario en Allariz” salienta Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación.

A cita quere seguir afondando nas liñas de traballo iniciadas 25 anos atrás pero no marco dos novos escenarios do século XXI a través do estudo, creación e intercambio de alternativas, estratexias e recursos para unha convivencia democrática. “Para cada edición dos encontros escóllese unha temática xeral e neste caso a elixida é a convivencia, a resolución de conflitos, tan de actualidade hoxe en día” explica Cid. Para facelo, entre outras experiencias, exporanse as levadas a cabo na Escola da Ponte, en Porto, e no IES Leiras Pulpeiro, en Lugo.

Obradoiros e experiencias

Entre outras conferencias, Cid tamén salienta a que realizarán Rosa Valls e Joaquim Azevedo, da Universidade Católica de Porto, sobre participación e comunidades de aprendizaxe. Ademais das conferencias e debates, haberá obradoiros de diferente tipo, como un de xogos cooperativos, a cargo do profesor Armindo Gregório, un de música, cos educadores Bernardo Carpente, Belén Piñeiro, Isabel Leal e María Emilia Gregório, e un de recursos tecnolóxicos, impartido por Paula Flores. Os asistentes tamén poderán gozar da experiencia A lingua das bolboretas, que da man de Xosé Manuel Cid e da actriz Uxía Blanco, protagonista da película co mesmo nome, percorrerá lugares de Allariz significativos na represión franquista a educadores.

Está previsto que asistan arredor de 150 persoas a esta edición, principalmente docentes e futuros docentes de Galicia e Portugal, aínda que tamén participarán algúns pais moi implicados na educación para a paz. “É unha cita anual que alí onde se celebra engancha ao público porque é moi enriquecedor para os educadores coñecer as experiencias doutros centros e convivir con compañeiros de profesión e inquedanzas”, explica o vicedecano de Ciencias da Educación.