DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un equipo de CC da Educación e do Deporte desenvolve unha investigación pioneira

Os efectos do Pilates e da ximnasia hipopresiva na saúde da muller, a estudo

Traballan alternativas para reforzar a pelve, previr a incontinencia urinaria e mellorar a sexualida

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Esmeralda L. Castro DUVI 02/02/2010

Un grupo de investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte vén de poñer en marcha o primeiro estudo comparativo dos efectos da práctica habitual do Método Pilates (MP) e das Ténicas Hipopresivas (TH) na actitude postural, na faixa abdominal, no solo pélvico, na incontinencia urinaria e nas funcións sexuais da muller. Segundo a súa hipótese, algúns tipos de exercicio físico tradicional poden provocar efectos secundarios como incontinencia urinaria, prolapsos e disfuncións sexuais, polo que, como indica un dos directores do proxecto, o profesor Luis Casáis Martínez, o seu obxectivo é “mellorar a calidade de vida das mulleres, poñendo en valor os beneficios obxectivos de actividades en pulo no mercado do fitness e do exercicio físico saudable”.
Pola súa parte, unha das investigadoras do equipo, Tamara Rial, pon de relevo a repercusión social do proxecto, “posto que é a primeira incursión cara a este tipo de actividades”. “O solo pélvico é un músculo moi importante a nivel funcional que non é tratado habitualmente nos estudos”, afirma. Para isto traballarán con tres grupos de mulleres durante catro meses, para o que buscan un total de 90 voluntarias. Nun deles practicarán Pilates, noutro ximnasia hipopresiva e o terceiro será un grupo de control que non realice ningún método. Co cruce de datos esperan obter resultados obxectivos e mensurables sobre os efectos destas actividades no comportamento e na modificación do abdome, a postura, o ton do solo pélvico, a incontinencia urinaria e as funcións sexuais da muller.
O profesor Casáis destacou tamén que este proxecto supón “unha aposta xeral por desenvolver iniciativas de investigación aplicada no contexto da I+D+i, que vaian máis alá da perspectiva teórica”.
Esta investigación é froito dun convenio de colaboración da Universidade de Vigo coa de Santiago de Compostela, polo que Luis Casáis comparte a dirección con Enrique R. Meaños Melón, profesor da Facultade de Medicina compostelá. Figuran tamén como co-directores Marcel Caufriez, doutor en Kinesiterapia e Readaptación da Universidade Libre de Bruxelas e principal impulsor das Técnicas Hipopresivas, e Juan José Crespo, doutor en Medicina Deportiva e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O equipo executor da investigación está formado por Tamara Rial, estudante do doutoramento en Investigación en Actividade Física, Saúde e Deporte, que se encargará do programa deportivo de actividades; e Piti Pinsach, estudante de doutoramento en Morfoloxía Médica, que levará a parte médica de controis e información e que é un referente na adaptación da ximnasia hipopresiva á “ximnasia de a pé” para evitar a incontinencia urinaria co reforzo do solo pélvico, achegando esta técnica alternativa por todo o mundo.

Freo da incontinencia urinaria

Piti Pinsach leva estudando máis de tres décadas os efectos do exercicio físico na muller. Sinala que hai anos que coñeceu o traballo en Técnicas Hipopresivas do doutor Marcel Caufriez aplicadas en medicina, principalmente no ámbito xinecolóxico e utilizadas sobre todo no postparto para a tonificación da faixa abdominal e do solo pélvico, polo que decidiu formarse con el e buscar un xeito de trasladalas ao ámbito da actividade física e do deporte. Afirma que “o problema é que os exercicios que tradicionalmente se veñen facendo para reforzar o abdome, mesmo o Pilates, diminúen o ton abdominal e o ton do solo pélvico en repouso”. Estes exercicios baséanse nun aumento de presión sobre a zona, o que provoca que cando non se exerce esa presión a faixa abdominal estea distendida, facendo que non funcione como unha verdadeira faixa. “Cando se relaxa o abdome tamén se relaxa o solo pélvico, que coincide nas mulleres cunha zona de hernias, a vaxina, e que pode levar a que caian os órganos internos, entre eles a vexiga, e de aí os problemas de incontinencia urinaria”, explica o investigador.
Pinsach lembra que nun estudo realizado en España hai xa sete anos en preto de duascentas mulleres de entre 18 e 35 anos se comprobou que mentres as que non facían deporte só mencionaban escapes de ouriños no 2,85% dos casos, nas deportistas a porcentaxe ascendía ao 31%. Pon como exemplo tamén que as deportistas de salto de trampolín rexistran nun 90% incontinencia urinaria e prolapsos. Pos isto, quere facer un chamamento contra os prexuízos existentes en torno a estes temas, poñendo de relevo a súa gravidade e salientando os beneficios para o seu tratamento e prevención do método TH. “Raramente unha muller recoñece nunha revisión médica un escape de ouriña, pero cando se escapa unha soa gota cun mínimo de esforzo ou coa tose xa non é normal, é un primeiro síntoma dun principio de incontinencia”, advirte. Neste sentido, a súa compañeira na investigación, Tamara Rial, salienta que “esta problemática, que sofre un 40% das mulleres, non é un tema tabú e pode resolverse de forma eficaz a través de actividade física”.

Mellora da satisfacción sexual e dos hábitos posturais

O estudo pretende tamén verificar a eficacia do Pilates e da ximnasia hipopresiva na mellora das funcións sexuais na muller. Segundo Pinsach, coa diminución do ton do solo pélvico diminúe tamén o rego sanguíneo nesa zona e, polo tanto, a satisfacción sexual. “Cando a vexiga está descolgada produce molestias e dores no momento da actividade sexual, o que obviamente diminúe a satisfacción e o desexo sexual”, aclara, polo que considera que a aplicación destas novas técnicas alternativas de exercicio poden orixinar beneficios neste senso. Pola súa parte, Tamara Rial destaca a importancia da investigación neste eido, pois di que “nunca antes se fixera un estudo do solo pélvico en canto ás prestacións sexuais que reporta, así como método preventivo da incontinencia urinaria”.
Outro dos piares fundamentais do estudo é a análise do comportamento e modificación da postura coa actividade física, coa finalidade de evitar problemas lumbares. Ao longo do estudo os investigadores prevén determinar os efectos concretos nesta liña do MP, popularizado pola súa aplicación na mellora postural, e das TH, utilizadas para o bloqueo estático da columna lumbar e a diminución da conxestión na pelve menor. Pinsach indica que para isto utilizarán o Spinal Mouse, un instrumento validado para realizar medicións da columna vertebral.
Os dous investigadores empregarán os resultados deste estudo nas súas respectivas teses de doutoramento, pero esperan non pechar a investigación coas conclusións extraídas e seguir traballando neste eido. “Queremos que Galicia se converta en punteira nesta área e crear un equipo de persoas que poñan en coñecemento estas técnicas alternativas de exercicio físico”, precisa Pinsach.

Estudo comparativo con 90 mullerres

Co lema Muller, saúde e estética, Tamara Rial e Piti Pinsach impartirán unha conferencia informativa o vindeiro 23 de febreiro na Casa do Deporte de Vigo (r/ Luis Kasado s/n), co obxectivo de facer un chamamento ás interesadas en participar na súa investigación. Buscan entre 80 e 90 voluntarias de entre 25 e 55 anos e sexualmente activas, que dividirán en tres grupos de traballo. O primeiro realizará Pilates, o segundo ximnasia hipopresiva e o terceiro non practicará ningún dos métodos, coa finalidade de comparar os resultados obtidos en cada un deles. Para isto realizaranse tres medicións -unha inicial, unha media e unha final-, nas que se realizarán un estudo biométrico da parede abdominal, un estudo relacionado postural, unha análise do ton do solo pélvico e cuestionarios validados de incontinencia e función sexual. O proceso durará dous meses a partir do 1 de marzo, ampliables a catro, e desenvolverase os luns, mércores e venres no Pavillón Polideportivo do Berbés en horario de 21.00 a 22.00 horas. Pódese solicitar máis información no enderezo electrónico investigaciongalicia@gmail.com ou nos seguintes números de teléfono: 676 641 657 e 609 368 176.