DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Alberto Pena desenvolveu o seu estudo nas universidades de Harvard e Massachusetts

Os emigrantes portugueses fundaron 177 cabeceiras de prensa en EEUU

O docente de CCSS e da Comunicación realizou unha estadía nestes centros de referencia estadounidens

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 20/01/2014

Os Estados Unidos foron desde o século XVII o principal destino da emigración portuguesa, que co seu establecemento do outro lado do Atlántico puxo en marcha unha serie de xornais e revistas especificamente dirixidos a este colectivo emigrante. Nada menos que 177 cabeceiras fundadas pola comunidade portuguesa e escritas nesta lingua puido catalogar e analizar o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Pena na estadía que vén de realizar como profesor visitante nas universidades de Harvard e Massachusetts.

Despois de realizar en 2012 unha primeira investigación nos Estados Unidos, Pena retornou a este país neste curso académico para continuar o seu estudo da prensa luso-americana na prestixiosa universidade de Harvard, onde, con financiamento do Ministerio do Interior, realizou un estudo sobre a representación das ditaduras ibéricas neste país. Posteriormente xurdiulle unha segunda oportunidade para seguir afondando no que define como “fenómeno xornalístico moi importante”, posto que foi convidado pola Universidade de Massachusetts-Darmouth a impartir un seminario sobre “o poder dos media no mundo lusófono” a estudantes de doutoramento e a desenvolver unha investigación sobre a historia da prensa portuguesa ao abeiro da cátedra Hélio and Amélia Pedroso/Luso-American Foundation.

A súa estadía de seis meses na costa leste americana levou ademais ao profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación a impartir unha conferencia no prestixioso Centro de Estudos Europeos Minda de Guzburg, da Universidade de Harvard, e outros dous relatorios na Universidade de Massachusetts, onde elaborou unha monografía sobre a historia da prensa lusa nos Estados Unidos, que se atopa pendente de publicación. Por todo isto, ao seu retorno ao campus pontevedrés, Pena destaca o seu período en Norteamérica como “unha experiencia moi positiva, unha ocasión única, porque non foi unha aprendizaxe soamente docente, senón que me permitiu coñecer o sistema universitario americano e interrelacionar con outra comunidade de profesores e alumnos”.

Periódicos que alcanzaron os 20.000 exemplares

Actualmente existen nos Estados Unidos seis publicacións especialmente dirixidas a numerosa colonia lusa que reside neste país, “de case un millón e medio de persoas na actualidade”, segundo explica Pena. De feito, o xurdimento de diarios, semanarios ou revistas “escritas por emigrantes para emigrantes” foi unha constante nos últimos 150 anos en zonas como o estado de Massachusetts, onde se asentan as dúas universidades nas que Pena realizou a súa investigación. “Houbo incluso periódicos dunha relevancia fundamental, como o Diario de Noticias de New Bedford, que se editou entre 1927 e 1973 de forma diaria, con tiradas que alcanzaron os 20.000 exemplares, superior á de moitos periódicos que se publicaban en Lisboa, e que eran ademais xornais moi ben feitos, que imitaban, dentro do seu contexto e das súas limitacións, o modelo xornalístico americano”, explica este profesor especializado no mundo lusófono.

“A única prensa libre”

Entre 1926 e 1974, no período da ditadura de Salazar, “a única prensa portuguesa libre foi a que se fixo en Estados Unidos”, resalta Pena, que centrou a investigación que levou a cabo en Harvard no período que comprende desde o inicio da Guerra Civil española, en 1936, ata o remate da Segunda Guerra Mundial, en 1945, xa que durante estes anos, a prensa luso-americana foi escenario “dun debate moi acendido entre os emigrantes, a favor e en contra das ditaduras”.

Naqueles anos ademais sumouse a unha “emigración fundamentalmente económica”, unha emigración política, a dos exiliados portugueses que, á súa chegada a Norteamérica, “comezan a utilizar a prensa luso-americana para tratar de persuadir á comunidade emigrante de que tiñan o deber de intervir no rumbo político de Portugal, presionando ao Goberno de Estados Unidos para que intentase dalgunha maneira derrubar a ditadura”.

Xunto aos portugueses tamén chegaron a Norteamérica, aínda que nun número moito menor exiliados españois. Ambos colectivos impulsaron neste país diferentes publicacións e promoveron campañas para denunciar as ditaduras nos seus países de orixe, relata Pena, que destaca “a colaboración entre os exiliados de ambos países para combater as ditaduras conxuntamente a través de campañas de prensa”. Esa colaboración mesmo deu pé a “fenómenos tan curiosos como o periódico La Voz, un xornal antifascista editado en Nova York por membros da comunidade de exiliados española que contaba cunha edición en portugués”.