DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man do 'Pont-Up Store', unha iniciativa complementaria ao CIEM 2014, que se desenvolverá do 24 ao

Os emprendedores e emprendedoras tomarán as rúas de Pontevedra

Preto de 30 novas empresas amosarán os seus produtos nas casetas instaladas en diferentes puntos da

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 21/10/2014

Apoiar aos novos emprendedores e emprendedoras levando as súas ideas e produtos ás rúas da cidade co obxectivo de contribuír á súa difusión é o propósito central do Pont-Up Store, a feira que se desenvolverá en Pontevedra entre o 24 e o 26 de outubro como complemento á cuarta Conferencia Ibérica de Emprendemento (CIEM), que a Universidade organiza xunto coa asociación portuguesa Empreend. Durante estas tres xornadas, preto de 30 iniciativas empresariais con menos de dous anos de traxectoria presentarán os seus produtos e servizos nas 17 casetas que se instalarán en diferentes rúas e prazas do casco urbano.

Como unha “actividade aberta de apoio ao emprendemento”, que trata de contribuír “a visualizar o labor dos emprendedores e darlles facilidades para comercializar e promocionar os seus produtos e servizos, así como a posibilidade de testalos, que é un dos grandes problemas dos emprendedores”, presentou o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa, co-director do CIEM xunto á portuguesa María do Rosário Almeida, un evento que supón “un complemento e tamén unha innovación dentro do CIEM”. Non en van, nas súas tres edicións anteriores, esta conferencia tivo unha vocación fundamentalmente académica, mentres que o congreso que se inaugura este xoves 23 engade a esta dimensión o relato das experiencias de múltiples axentes do “ecosistema emprendedor” e unha “feira de emprendedores” que, como salientou Figueroa, “nace con vocación de permanencia”, coa idea de poder repetirse no futuro e “converter a Pontevedra nun espazo para o emprendemento”.

Unha iniciativa asentada nos piares do Campus Crea

“Innovación, creatividade e emprendemento son os tres conceptos que reúne esta iniciativa e que son tamén parte fundamental do Campus Crea”, o proxecto de especialización do campus de Pontevedra, como destacou o vicerreitor Juan Manuel Corbacho, no acto de presentación do Pont-Up Store que este mediodía se levou a cabo ás portas da Casa da Luz. Tanto Figueroa como Corbacho agradeceron o apoio brindado ao CIEM pola Deputación de Pontevedra e o Concello, representados neste acto pola deputada Ana Isabel Vázquez e pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román. Ambas, ao igual que o vicerreitor, fixeron énfase no valor que ten a colaboración entre diferentes institucións á hora de poñer en marcha iniciativas que contribúan á dinamización do emprego e a actividade empresarial na cidade. Iniciativas como unha feira “que supón unha forma diferente de promover o emprendemento” e, ao mesmo tempo, “de dar cor á cidade”, como salientou Román, que explicou que este proxecto parte dunha iniciativa xurdida en países anglosaxóns como Estados Unidos, as pop-up store, un xeito de “presentar produtos dunha forma fugaz por parte de pequenas empresas”.

24 empresas confirmadas

Segundo explicou Figueroa nesta presentación, esta iniciativa foi “especialmente ben acollida” polos novos empresarios e empresarias da contorna, o que provocou que as peticións de participación fosen máis das inicialmente previstas. Tras recibir “máis de 50 consultas e peticións de información”, finalmente foron 34 as iniciativas empresariais, que debían contar con menos de dous anos de traxectoria, que se rexistraron para esta feira. 24 delas xa pecharon a súa participación nas 17 casetas que se instalarán na cidade e a estas poderían sumarse outras “cinco ou seis que se poden materializar nos próximos días, cumprindo todos os requisitos” fixados pola organización.

Nesta selección, que podería aproximarse á trintena, hai lugar para iniciativas tan variadas como a comercialización de enerxía verde, a educación ambiental, a artesanía, a organización de eventos artísticos ou a distribución de alimentos, o que permitirá a cidadanía coñecer diferentes exemplos “de emprendemento rural, social, cultural ou urbano”, como salientou Figueroa, que apuntou neste senso “que moitas veces pensamos que o emprendemento é só algo tecnolóxico”.

As rúas Daniel de la Sota, Peregrina, Benito Corbal e Michelena e a Praza da Ferrería serán os lugares nos que se instalen as diferentes casetas do Pont-Up Store, que no caso de que a choiva faga aparición na fin de semana será trasladado a un recinto pechado, segundo anunciou Román.

Paraugas marcando a ruta

Dado que un dos obxectivos desta iniciativa é “levar os emprendedores á rúa”, como salientou a concelleira, o Pont-Up Store foi obxecto nesta xornada dunha “presentación orixinal”, que non só se levou a cabo ás portas da Casa da Luz senón que o fixo nunha praza presidida por 34 cadeiras das que penduraba un paraugas. Segundo explicou Juan García, o responsable desta posta en escena, con estas cadeiras, “todas diferentes e feitas a man”, tratábase de “dar a benvida aos emprendedores que chegarán á cidade”, mentres que os paraugas servirán como “símbolo visual” do Pont-Up Store, posto que serán colocados en diferentes farois da cidade co obxectivo de que sirvan á veciñanza como referencia para atopar as diferentes casetas da feira.

Maratón creativo en CCSS e da Comunicación

No marco das actividades paralelas do CIEM 2014, un evento que os días 23 e 24 reunirá a preto de 400 persoas no Centro Social Afundación, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acollerá este mércores, a partires das dez da mañá, un Maratón creativo, dirixido ao alumnado do campus. A través de diferentes actividades orientadas ao desenvolvemento de destrezas cognitivas, espaciais, manuais e gráficas, este maratón busca proporcionar aos participantes unha serie de ferramentas útiles para os procesos de creación.