DUVI

Diario da Universidade de Vigo

II Xornadas de Comunicación para Investigadores

Os empresarios coinciden en cualificar á Universidade de “elemento clave” para o desenvolvemento da sociedade do coñecemento

As actividades deste xoves centráronse en coñecer as demandas do tecido empresarial ás que o I+D deb

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 26/11/2009
As Xornadas de Comunicación para Investigadores que se están a celebrar no campus centraron o seu segundo encontro na perspectiva empresarial, é dicir, en coñecer cales son as demandas específicas deste sector para que os grupos de investigación poidan adaptar os seus traballos as mesmas. Participaron Jesús Méndez, xefe de sección de I+D de Coren, e Carlota Sánchez, do Instituto de Desenvolvemento de Caixanova, que coincidiron na necesidade dunha maior competitividade do sector empresarial para poder pelexar con éxito nun mundo cada vez máis globalizado e nun contexto onde a Universidade xoga tamén un papel clave como motor da sociedade do coñecemento.
Jesús Méndez, xefe de sección de I+D de Coren, comezou a súa intervención falando da empresa na que traballa, unha cooperativa dedicada á produción de alimentos. Seguidamente, fixo o que definiu como “unha aproximación simplista da I+D” enumerando cinco avances innovadores que achegaron á sociedade un aumento da esperanza de vida: o alcantarillado e a auga corrente, as vacunas, a pasteurización, os antibióticos e a revolución verde (da man de Norman E. Borlaug).

Empresa e Universidade: catro oportunidades para traballar en conxunto

Fronte a esta innovación, Jesús Méndez falou “doutro tipo de I+D que nos fai a vida máis agradable”, como os reprodutores de música ou os coches, pero para os que hai que crear a necesidade no mercado. “Para este tipo de produtos necesítanse empresas fortes, con amplos mercados, que poidan rendabilizar o investimento en I+D”. O ponente citou a Inditex como exemplo de empresa galega con esa posibilidade, “unha compañía que produce para cubrir as necesidades de vestir, que innova en loxística e que crea a necesidade de comprar regulando o seu stock”. Jesús Méndez lembrou que “ningunha empresa española está entre as cen primeiras do mundo en I+D”. E enumerou catro oportunidades que, na súa opinión, teñen empresa e Universidade para traballar en conxunto: os plans galego e nacional de I+D, o programa marco e os fondos tecnolóxicos. E nesa colaboración entre as dúas institucións afirmou que o entendemento institucional “é importante”, pero a relación persoal “é imprescindible”. Segundo explicou, “o director de tese é o primeiro xefe do investigador. Nel vai atopar un punto de enlace importante para contactar coas empresas. Logo está, por suposto, ofrecer o resultado do seu traballo tendo en conta a realidade na que vivimos”.

Carlota Sánchez: “Traballamos para incentivar a competitividade nas empresas galegas”

O Instituto de Desenvolvemento de Caixanova é un organismo que ten por obxectivo o fomento do emprego nos máis novos e o apoio aos sectores produtivos galegos. Nas palabras de Carlota Sánchez, “traballamos para incentivar a competitividade nas empresas galegas, porque só así poderán pelexar nun mercado cada vez máis complicado”. A ponente afirmou que o papel da Universidade “é contribuir a que a sociedade sexa mellor”, e cualificou á institución académica de “elemento clave para o desenvolvemento da sociedade do coñecemento”. Un sector empresarial competitivo é garantía dun país cada vez máis rico. Para conseguilo, a ponente fixo dúas propostas: “actuar sobre o capital humano para que se adapte ás necesidades da empresa e adaptar a oferta universitaria á demanda empresarial”.
En Galicia, o 98,5% das empresas son PEMEs, unha realidade que foi subliñada pola ponente para facer fincapé na necesidade de “traballar para que a innovación sexa posible”, sobre todo nestas pequenas e medianas empresas. Nas súas palabras, “a contorna económica na que estamos propicia reformas estratéxicas no mercado dende o traballo que se desenvolve na Universidade”. E remarcou os desafíos aos que debe enfrontarse o sector privado, “afectado por un contexto cada vez máis global onde os ciclos de vida dos produtos son cada vez máis curtos”.

Xornadas dedicadas á transferencia do coñecemento entre investigadores e empresarios

As Xornadas de Comunicación para Investigadores son unha iniciativa organizada polo Centro de Investigación, Transferencia e Innovación –CITI- co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo. Esta segunda edición está dedicada ás técnicas de transferencia efectiva do coñecemento entre investigadores e empresarios, e o seu obxectivo é proporcionarlles aos investigadores da Universidade as ferramentas e as técnicas necesarias para relacionarse cos empresarios e favorecer así o investimento en actividades de I+D+i. A próxima cita das xornadas terá lugar o día 30 de novembro no Edificio de Ferro e estará dedicada ás técnicas de negociación. Intervirán especialistas que darán conta das mellores maneiras de afrontar unha negociación entre empresarios e investigadores.