DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os Decembro Maker Talks celébranse este venres e sábado en Enxeñaría Informática

Os Encontros de Cultura Dixital afondan na internet das cousas, a robótica, a impresión 3D, a ciberseguridade e os videoxogos

No marco dun proxecto transfronteirizo Emprende Makers

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 16/12/2022

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolle este venres e sábado os Encontros de Cultura Dixital Decembro Maker Talks. Organizados pola Deputación de Ourense no marco do proxecto transfronteirizo Emprende Makers co apoio desta escola, o evento céntrase na innovación e a tecnoloxía, desde unha perspectiva didáctica e práctica, e nel abórdanse temas como a internet das cousas, robótica, impresión 3D, ciberseguridade e videoxogos.

O panel de convidadas a  convidados do encontro é moi amplo, estando membros do coworking e coliving no rural Sende; do Laboratorio Digital Fab Lab de León; da Asociación Española de Empresas Desarrolladoras de Videojuegos e da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos; de PlayStation Iberia e de Multiversial, Ilux Visual Technologies e Virtual Voyagers. Tamén estarán expertos como Antonio Fernandes, avaliador de proxectos de innovación e ciberseguridade para a Comisión Europea ou Cristian ‘Espartaco’, general manager en España e Latinoamérica do club Qlash. Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática e coordinador do proxecto Emprende Makers na UVigo, foi o encargado este venres de arrancar a programación explicando a rede de centros makers posta en marcha no marco deste proxecto, que está a piques de rematar.  Na sesión deste venres tamén se entregarán os premios do Concurso Talento Maker posto en marcha no marco proxecto Emprende Makers no que se convidaba a persoas de 12 a 30 anos a presentar as súas propostas “maker”.

Decembro Maker Talks forma parte do proxecto Emprende Makers, aprobado na segunda convocatoria do programa Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 e cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Liderado polo Concello de Ourense, Emprende Makers ten como entidades beneficiarias, na parte galega, á Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e á Universidade de Vigo, e por parte lusa ás cámaras municipais de Paredes de Coura, Melgaço e Vila Nova de Famalicão e á Universidade do Minho. O proxecto pretende crear e desenvolver unha rede de emprendemento baseada en centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexion Galicia-norte de Portugal que actuará como un espazo común de innovación tecnolóxica e creativa.