DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a un curso da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

Os enxeñeiros aprenderán a mellorar as súas habilidades na comunicación escrita

O prazo de inscrición remata o día 22

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 19/06/2009

A capacidade de comunicación está intimamente relacionada co éxito profesional. Non só porque as habilidades sociais facilitan o traballo en equipo e crean sinerxías senón porque cando remata o labor puramente investigador o proceso debe continuar coa difusión dos resultados acadados. É por iso que convén facer unha reflexión sobre a comunicación escrita e ferramentas como o correo electrónico, os informes ou os artigos, para que os enxeñeiros difundan os seus avances e coñecementos. Ese é o principal obxectivo do curso Comunicación escrita en español para enxeñeiros que organiza a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa.
Susana Rodríguez e Inmaculada Anaya serán as encargadas de impartir este seminario porque segundo explica esta última “a redacción de documentos técnicos é unha das materias pendentes que os alumnos sempre sinalan”. O que se pretende é “facilitar a técnica para unha correcta redacción para os enxeñeiros, principalmente nos correos electrónicos, informes e cartas, que empregan códigos moi diferentes”.
A norma de que os escritos se entenden mellor segue vixente e un texto "cun léxico axeitado, unha gramática correcta, ben puntuado, corrixido e revisado redunda nunha comunicación máis eficaz, que require menos tempo de lectura e máis facilidade para asimilar a idea”, explica Anaya.

Ferramentas útiles

Aprender a recoñecer e corrixir os erros máis comúns (Anaya sinala entre estes a influencia do inglés en expresións como “volvemos en tres minutos”, cando o correcto é “volvemos dentro de tres minutos”) e ensinar a manexar ferramentas útiles como o Diccionario Panhispánico de Dudas ou a base terminolóxica para enxeñeiros creada pola Universidade Pompeu Fabra, están incluídos tamén nos contidos dos curso.
O Colexio de Enxeñeiros de Camiños da Coruña, entidades como Caixanova, o Porto de Vigo ou Pescanova xa ofrecen estes cursos para os seus empregados, o que dá unha idea da súa validez. Nesta convocatoria da Universidade o curso celebrarase os vindeiros días 23 e 30 de xuño e 7 de xullo en horario de 16.30 a 19.30 e contará cunha parte práctica virtual que consistirá na redacción dun texto académico breve.

Matrícula a través de Bubela

O curso insírese nas accións formativas organizadas pola Vicerreitoría de Formación en Innovación Educativa e dispón dun máximo de 20 prazas para o alumnado. A matrícula pode realizarse a través da plataforma Bubela ata o vindeiro día 22 e aqueles que asistan ás tres sesións presenciais completas e participen de forma satisfactoria na parte virtual recibirán un certificado de asistencia.