DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Constituíronse os pasados 14 e 15 de decembro

Os enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en Informática xa teñen os seus Colexios Profesionais

Os seus presidentes son Fernando Súarez e Leticia Diz respectivamente

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 19/12/2007

Dende a pasada fin de semana os enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en Informática de Galicia contan co seu propio Colexio Profesional. Nas Asembleas Colexiais Constituíntes celebradas o 14 e 15 de decembro en Santiago de Compostela foron elixidos tamén os presidentes dos Colexios. Fernando Suárez será o de Enxeñaría e Leticia Diz a de Enxeñaría Técnica en Informática. Deste xeito, a Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia (AEIG) acadou o seu principal obxectivo dende hai máis de 15 anos: conseguir a creación dos órganos que regulen e dignifiquen a profesión.
A nota máis destacada das xornadas foi a elevada participación, con máis de 300 censados, o que pon de manifesto a necesidade que había dun organismo oficial que representara aos profesionais do sector.

Intensas xornadas

O proceso de constitución comezou o venres 14 pola tarde coa apertura da inscrición no censo do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). A Asemblea Constituínte foi presidida por Juan Otero Pombo, presidente da Comisión Xestora e, tralo debate e a aprobación dos primeiros estatutos do Colexio, Leticia Diz foi proclamada primeira presidenta da Xunta de Goberno.
Ao día seguinte tocoulle o turno á Asemblea Colexial Constituínte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) que Jesús Rodríguez, presidente da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia e da Comisión Xestora, foi encargado de dirixir. Neste caso optaban á presidencia dous candidatos: María José Durán Domínguez e Fernando Suárez Lorenzo e foi este último o vencedor nunhas eleccións moi igualadas.
O acto de presentación conxunta dos novos Colexios contou coa presenza da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, María Helena Veiguela, que aproveitou o acto para anunciar a inminente creación do Cluster TIC de Galicia, da concelleira delegada de Réxime Interior, Persoal e Reforma Administrativa do Concello de Santiago de Compostela, Rosa Fernández, do director da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, Enrique Barreiro, do decano da Facultade de Informática de A Coruña, Alberto Valderruten e o subdirector da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago de Compostela, Alberto Bugarín
Precisamente Enrique Barreiro quixo agradecer o traballo de “todos os que participaron co seu esforzo nesta longa andaina, en especial ao primeiro presidente da ALI, Javier Rodeiro Iglesias, e ao actual equipo directivo da AEIG, en especial ao presidente, Jesús Rodríguez Castro e ao secretario, Juan Otero Pombo”.