DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os conxuntos masculinos sufriron sendas derrotas e o feminino acadou a vitoria

Os equipos de baloncesto do campus arrancan 2012 con desigual sorte

Os xogadores de rugby continúan sumando bos resultados

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 16/01/2012

Esta fin de semana os equipos de baloncesto do campus de Ourense regresaron á competición oficial pero fixérono con desigual sorte. A xornada de liga rematou con sendas derrotas para os equipos masculinos sénior e júnior e con unha vitoria para o conxunto sénior feminino. As gañas de empezar con bo pé o ano dos xogadores de Javi Pérez e Rubén Cortón atopáronse coa superioridade dos equipos contrarios. Os que si comezaron satisfeitos a semana foron os xogadores de rugby. O Campus Ourense Rugby e os cadetes gañaron os seus respectivos enfrontamentos, destacando a folgada vitoria de vinte puntos do segundo equipo ourensán.

Os primeiros que inauguraron o sábado a competición 2012 de baloncesto foron os equipos Universitario Campus Ourense sénior masculino e o Campus Ourense Blanco Amor júnior masculino, seguidos o domingo polo conxunto feminino. As xogadoras adestradas por Roberto Rapela regresaron a casa con bo sabor de boca ao comezar o ano con unha vitoria. O Universitario Campus Ourense sénior feminino gañou 70-80 ao ED Lourenza Ensino. Un resultado positivo que consolida a posición das xogadoras ourensás ao situalas terceiras na competición, con oito vitorias e só tres derrotas, moi preto dos equipos líderes, La Sala e Arxil Mafari Café.

Pola súa banda, os homes que dirixe Javi Pérez enfrontáronse ao Club Baloncesto Xove nun disputado encontro que finalmente perderon por un marcador final de 59-64 puntos. Este resultado sitúa ao primeiro equipo ourensán nun sétimo posto na clasificación, con seis derrotas e seis vitorias, que agardan remontar en vindeiros partidos. Tamén por unha pequena marxe, os xogadores júnior perderon contra o BCA, cun marcador de 49-46 que os coloca oitavos na súa liga.

Vitorias en rugby

Consolidando o seu xogo e resultados, os que si tiveron unha boa fin de semana foron os conxuntos de rugby universitarios. O Campus Ourense Rugby sénior masculino conseguiu na cidade das Burgas unha apurada vitoria nos derradeiros intres contra o Fendetestas, con un resultado final de 11-9. Tamén gañaron pero con folgura os xogadores júnior, que na súa viaxe á Malata remataron con un marcador final de 27-47 contra o Ferrol RC. Foi un bo encontro no que os ourensáns deixaron constancia da súa solidez como equipo e da calidade do seu xogo.

Estes resultados positivos únense á satisfacción existente no club porque o vindeiro 22 de xaneiro terá lugar unha nova concentración da selección galega feminina á que están convocadas dúas das súas xogadoras, concretamente Lucía Alonso e Ana Vidal.