DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universitario Campus de Ourense feminino sénior sitúase primeiro na súa liga

Os equipos de baloncesto consolidan os seus bos resultados

As xogadoras de rugby tamén gañaron o seu encontro co Zalaeta

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 19/11/2012
Seguindo a xeira de bos resultados das últimas semanas, os equipos de baloncesto e rugby do campus de Ourense gañaron case todos eles os seus encontros da fin de semana. Grazas a estas vitorias, en baloncesto as xogadoras sénior sitúanse de novo á cabeza da primeira división autonómica e o conxunto masculino consegue afastarse dos últimos postos da táboa. No que respecta ao rugby, os resultados foron desiguais. Aínda que as xogadoras gañaron o seu encontro contra o Zalaeta, o equipo masculino perdeu contra o Universidade de Vigo.

As xogadoras de baloncesto enfrontáronse o domingo contra o Arxil Mafari Café, ao que gañaron por un axustado marcador final de 49-52 puntos. Con esta vitoria, o Universitario Campus de Ourense feminino sénior, adestrado por Adrián Álvarez, sitúase primeiro na táboa, con catro vitorias e unha derrota, aínda que seguido moi de preto polo segundo clasificado, o Compañía de María. Pola súa banda, o equipo masculino sénior gañou 53-66 ao Porriño Baloncesto Base. Grazas a este marcador, os xogadores que adestra Toni Garda sitúanse en sexto posto na primeira división da súa categoría, con catro vitorias e dúas derrotas.

Gañadoras en rugby

En rugby, as xogadoras enfrontáronse ao Zalaeta e acadaron unha vitoria por 12-36. “Foi un partido duro, e aínda que non o pareza polo resultado final, estivo moi igualado. Viaxamos con 15 xogadoras, unha delas novata, e o encontro, sobre todo ao principio, foi unha loita constante de ambos equipos por chegarse á zona de ensaio”, explica a xogadora Rebeca Otero. A próxima fin de semana as ourensás enfrontaranse na casa contra o CRAT.

Menos sorte tivo o primeiro equipo de rugby. O Campus Ourense Rugby sufriu a terceira derrota consecutiva no que está sendo un mal comezo de liga. Os ourensáns, que perderon 37-7, víronse superados claramente polo Universidade Vigo nun encontro que, segundo explican desde o club, volveuse moi complicado despois de encaixar catro ensaios na primeira metade. Como ven sendo habitual este ano, subliñan, o equipo gozou de moita posesión de balón pero non logrou materializala en puntos. A vindeira semana o conxunto enfrontarase ao Zalaeta RC no que será un partido vital para as aspiracións dos ourensáns nesta liga.