DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xogadoras seguen segundas na primeira división autonómica

Os equipos de baloncesto encaran con vitorias a recta final da liga

O conxunto masculino está a consolidar o seu xogo a medida que avanza a competición

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 15/04/2013

Rematadas as ligas de rugby, os equipos de baloncesto do campus de Ourense encaran tamén a recta final da súas respectivas competicións e fano consolidando os seus postos na táboa e o seu xogo. O Universitario Campus de Ourense de baloncesto sénior feminino acadou unha vitoria esta fin de semana que o mantén segundo na primeira división autonómica e con aspiracións aínda ao liderado. Pola súa banda, os xogadores sitúase mediada a táboa despois de recuperarse dunha mala xeira na primeira fase da liga.

As ourensás enfrontáronse o sábado 13 ao C Pío XII-Fedesa na xornada 19 da liga, gañando o encontro dun xeito claro por 44-70 puntos. Con esta vitoria as xogadoras acumulan cinco consecutivas e mantéñense na loita polo primeiro posto da primeira división autonómica co Calasancias. Só un punto separa aos dous equipos, xa que o Universitario Campus de Ourense conta con 13 partidos gañados e catro perdidos e o Calasancias cunha vitoria máis. O día 20, o conxunto universitario intentará acurtar esta distancia no seu encontro co Compañía de María.

Polo que respecta ao baloncesto masculino, o equipo do campus de Ourense enfrontouse tamén o sábado ao TGM Arzúa, conxunto ao que gañou por un marcador final de 69-86 puntos. Con esta terceira vitoria consecutiva, os ourensáns mantéñense décimos na primeira división sénior masculina, con 20 partidos xogados, nove vitorias e once derrotas. A vindeira xornada, a 23, os xogadores disputarán contra o CB Tui un novo encontro de liga.