DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza unha nova tempada de competición

Os equipos de baloncesto márcanse como obxectivo de liga a permanencia

Tratarán de consolidar os postos e bos resultados acadados na última edición

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 11/10/2011
A permanencia. Este é o principal obxectivo co que os equipos de baloncesto do campus de Ourense veñen de comezar unha nova tempada de competición. Tralos éxitos acadados na anterior edición, especialmente o ascenso a primeira división do Universitario Campus Ourense masculino, este ano é momento de consolidar equipos e posicións na táboa. Os tres equipos, os masculinos sénior e júnior e o feminino, renovan xogadores e comezan a engraxar motores nos primeiro encontros de liga da Federación Galega de Baloncesto. Cunha vitoria e unha derrota cada un deles, os adultos veñen de estrear unha competición que se presenta moi disputada.

Segundo salienta Luís Pérez, responsable da Sección de Baloncesto do campus de Ourense, “o que desexamos esta tempada é manter a categoría en cada unha das ligas e afianzar a posición dos equipos ourensáns”. O técnico explica que no caso dos equipos sénior este ano producíronse diversos cambios debido á marcha de varios xogadores para equipos de categorías superiores, un motivo de satisfacción por ver medrar profesionalmente a deportistas da canteira pero tamén un contratempo porque require realizar novas incorporacións e casar de novo as equipacións. No caso dos júnior, apunta, os cambios viñeron polo feito de que por idade seis dos xogadores tiveron que deixar a categoría júnior e pasar á seguinte clasificación, ben en equipos da Universidade de Vigo ou de fóra.

As primeiras impresións

O Universitario Campus de Ourense, adestrado por Javi Pérez, xa comezou a súa andaina en primeira división sénior masculina cunha derrota e unha vitoria. O seu primeiro partido, o día 2 de outubro, enfrontouno ao Estudiantes Lugo Leyma Natura nun disputado encontro que finalmente gañou por un axustado resultado de 56-52. O segundo, xogado o día 9, supuxo para os ourensáns a súa primeira derrota, cun marcador final de 74-64 contra o Reale Thebes.

Cunha de cal e outra de area tamén comezou o Universitario Campus de Ourense sénior feminino a súa andaina na liga da primeira división autonómica. As xogadoras que adestra Roberto Rapela gañaron o seu primeiro encontro de competición contra o CB San Pelayo Deportes Caneda, conseguindo un resultado de 62-50. Unha vitoria que non puideron repetir contra o CB Arxil Mafari no seu segundo encontro de liga, onde perderon 69-43 puntos.

Pola súa banda, o Campus Ourense Blanco Amor de baloncesto júnior, adestrado por Rubén Cortón, agarda ao vindeiro 23 de outubro para estrearse xogando contra o Tirso de Molina. Nesta tempada en primeira división júnior masculina, os xogadores, a metade deles novas incorporacións, agardan conseguir repetir o bo xogo da anterior tempada e consolidar os resultados do equipo na súa categoría.