DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Roberto Rapela será este ano o coordinador dos conxuntos universitarios

Os equipos de baloncesto renóvanse antes de comezar a nova tempada

Mudan os adestradores e boa parte dos xogadores das diferentes categorías

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 17/09/2012

En outubro comeza unha nova Liga da Federación Galega de Baloncesto e os conxuntos do campus de Ourense ultiman os seus equipos para esta tempada. Roberto Rapela deixa de ser o adestrador das xogadoras sénior para asumir a coordinación da área de baloncesto universitario. Este non será o único cambio, xa que se renovan os adestradores de todas as categoría e boa parte dos xogadores. Haberá que agardar ao 14 de outubro para ver ao primeiro equipo desenvolverse na cancha e ao 21 de outubro para ver ao conxunto feminino.

Roberto Rapela asume a coordinación en baloncesto en substitución de Luis Pérez, que deixa o posto despois de case unha década vinculado coa área de deportes do campus de Ourense. Rapela continuará esta tarefa, segundo apunta, “co obxectivo para esta tempada de manternos nas respectivas ligas e de madurar e consolidar os equipos, xa que este ano entra moita xente nova neles e cambian os seus adestradores”.

O Universitario Campus Ourense sénior masculino estará este ano adestrado por Toni Garda, que substitúe a Javi Pérez ao fronte dun conxunto que renova a metade dos seus xogadores. No equipo feminino, que pasará a adestrar Adrián Álvarez en substitución de Rapela, tamén se dará esa renovación coa entrada de novas xogadoras universitarias. Por último, a categoría júnior afrontará esta tempada co reto de xogar cun conxunto formado maioritariamente por cadetes. Haberá que agardar ao 14 de outubro para ver ao primeiro equipo desenvolverse na cancha e ao 21 de outubro para ver ao conxunto feminino.

Derrota en rugby

Á espera de comezar oficialmente a liga, o Campus Ourense Rugby sénior xogou este sábado nas instalacións universitarias o seu primeiro encontro, un amizoso contra o Pontevedra RC. Os xogadores adestrados por Américo Gomes perderon por un resultado final de 20-33 nun encontro que tiña como principal obxectivo perfilar o equipo que disputará este ano a Liga Galega e rematar de coñecer as características dos xogadores que aínda se están incorporando estas semanas aos adestramentos. Os ourensáns volverán a disputar máis partidos de preparación, os próximos contra o SCRUM de Braga portugués e os Jabatos de O Bierzo.