DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os equipos de baloncesto e rugby pechan o ano con importantes citas

A Liga sofre un parón ata a segunda fin de semana de xaneiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 19/12/2008
Mañá sábado, a partir das 20.00 horas no Pavillón Municipal de Porriño, o Universidade de Vigo de Baloncesto enfróntase ao Canteiras, equipo que vén de gañar ao Campus Ourense acadando a sexta posición da táboa situándose a un só punto dos vigueses. “Trátase dun partido moi importante no cal xogamos contra o conxunto máis en forma deste final de ano, que leva unha boa racha e onde teremos a baixa de Empi”, sinala a adestradora Cristina Alonso. O Universidade afrontan esta décimo terceira xornada no quinto posto da clasificación con 20 puntos a tan só dous da cabeza, liderada polo C.B. Noia.
Pola súa parte, o Ednon TRC, trala vitoria do pasado domingo en Barcelona, intentará novamente dar a sorpresa sabendo da dificultade do rival: o Genika, equipo líder e invicto da Liga. A pesar das baixas, Anibal Babini traballa coa idea de que “poidamos ver un gran partido, despedindo este ano 2008 con bo sabor de boca”, declara. O encontro, correspondente á sétima xornada, disputarase o domingo no campus a partir das 12.00 horas.

Parón de Liga ata o vindeiro ano

Con motivo das festas de Nadal, os conxuntos de baloncesto e rugby farán un parón nas súas respectivas competicións ata a segunda fin de semana do mes de xaneiro. Ambos volverán á actividade con dúas citas importantes, o Ednon TRC recibirá ao Hernani, segundo na Liga, e os mozos de Cristina Alonso mediranse aos seus “compañeiros” do Campus Ourense.