DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universitario Campus Ourense feminino sitúase terceiro na táboa

Os equipos de baloncesto seguen avanzando de cara á loita polo ascenso

A liga sénior masculina segue liderada polos ourensáns

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 21/02/2011
Os equipos do campus de Ourense están vivindo un momento excepcional. O pasado 12 de febreiro o Campus Ourense Rugby gañaba matematicamente a liga galega. Agora os equipos de baloncesto loitan, e con boas expectativas, por situarse en postos que lles permitan xogar o ascenso. O Campus Universitario Ourense sénior masculino mantense líder da súa clasificación e o equipo feminino sitúase xa nun terceiro lugar e coa ollada posta nun segundo que lle permita soñar con xogar a vindeira tempada en primeira nacional.

O Universitario Campus Ourense sénior feminino comezou a liga da Federación Galega de Baloncesto cunhas discretas expectativas de manterse mediada a táboa no primeiro ano que xogaba en competición. Partido tras partido o equipo adestrado por Roberto Rapela estase afianzando e agora as súas aspiracións son loitar polo ascenso. “As xogadoras están adestrando e xogando moi ben, sobre todo en ataque, e as cousas están saíndo mellor do que esperabamos. Os obxectivos que nos marcamos a principio de tempada están xa cumpridos e agora estamos moi motivados e ilusionados con poder xogar a fase de ascenso” salienta Rapela.

Nese camiño, o Universitario Campus Ourense sénior feminino deu un paso moi importante no partido xogado este sábado contra o La Salle, de Santiago de Compostela. As xogadoras ourensás conseguiron gañar 58-44 e arrebatarlles ás compostelás a terceira praza da clasificación nun partido moi igualado. Ademais da vitoria, a vantaxe de puntos acadadas permítenlle ao equipo de Roberto Rapela aspirar a acadar un segundo posto, que lle daría entrada a xogar o ascenso a 1ª nacional feminina. Non será fácil, sinala o adestrador, porque o segundo clasificado, o C.B. Arxil Magari, está a dúas vitorias.

Afianzando distancias

Os que tamén disputaron un partido importante esta fin de semana foron os xogadores do Universitario Campus Ourense sénior masculino, que se enfrontaron tamén ao La Salle. “Tiñamos claro que era un partido moi importante, polo rival, pola cancha de xogo, pola altura da temporada na que nos atopamos, e todo indicaba que o encontro ía a ser duro e decisivo, e así foi”, salienta o adestrador do equipo, Javier Pérez. Os xogadores, sinala Pérez, enfrontaron un partido duro, cun rival moi motivado e metido no xogo ao que só foi posible gañar grazas á agresividade defensiva, ao acerto en tiro exterior e á mentalidade dos ourensáns.

Cun resultado final de 75-83, o Universitario Campus Ourense sénior masculino mantense líder da clasificación cun partido gañado sobre o seu inmediato rival, o CB Allariz, que esta fin de semana perdeu. O adestrador agarda que no vindeiro encontro contra o Vilagarcía o equipo consolide a súa vantaxe e se manteña no excelente posto no que se atopa para xogar igualmente o ascenso á 1ª nacional.

Polo que respecta ao rugby, o Campus Ourense Rugby sénior terá que agardar á vindeira fin de semana para xogar o seu derradeiro partido de liga e celebrar oficialmente a súa vitoria. Debido ás difíciles condicións climáticas decidiron aprazar o partido previsto contra o Ednon Universidade. Si xogaron os cadetes de rugby, que despois de gañar a Vigo, esperan acceder aos postos de cabeza da súa competición.