DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manteñen as súas aspiracións de líderes de categoría ou de situarse mediada a táboa

Os equipos do campus consolidan os seus bos resultados desta tempada

Os xogadores de rugby e baloncesto gañaron os seus encontros da fin de semana

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 01/02/2011
Os equipos de baloncesto e rugby do campus de Ourense están facendo unha moi boa tempada e cada fin de semana dan un paso máis adiante para consolidar as súas posicións e aspiracións nas respectivas categorías. A fin de semana os xogadores de rugby sénior e cadete e de baloncesto sénior masculino, sénior feminino e júnior gañaron os seus encontros e amosaron unha vez máis o bo xogo que están realizando.

O Campus Ourense Rugby conseguiu a vitoria no seu desprazamento a Ferrol cun marcador de 17-36 fronte ao Ferrol RC. “Comezamos dominando o xogo dende o primeiro momento, aínda que os puntos tardaron en caer pola gran defensa local, que loitou durante todo o partido por cada metro de campo” salienta o seu adestrador, Javier Conde. Unha vitoria importante para o equipo ourensán que deste xeito continúa líder na táboa con catro puntos de vantaxe sobre os segundos clasificados, o Gallaecius e o Muralla Lugo.

O éxito do equipo sénior foi emulado polos cadetes de rugby, que gañaron 10-53 ante Os Ingleses de Vilagarcía. O seu adestrador, Yayo de la Fuente, salienta “o bo xogo do Campus Ourense, que baseou a súa vitoria na concentración do xogo e o avance dos seus dianteiros. A progresión do equipo vai por moi bo camiño, comezando a dar una moi boa imaxe no campo e a concretar o seu sistema de xogo en ataque e en defensa”.

O equipo de baloncesto masculino volve a gañar

Despois de sufrir a súa primeira derrota na Liga da Federación Galega de Baloncesto desta tempada, o Universitario Campus Ourense sénior masculino recuperou a súa boa racha e o liderado da competición gañando ao La Rosaleda Obradoiro por un claro 52-81. “A meirande dificultade do partido consistía en volver a recuperar as sensacións de xogo que tiñamos antes da derrota da xornada anterior e conseguímolo, pois ao final do primeiro cuarto xa estabamos por riba no marcador” explica o seu adestrador, Javier Pérez. Sen embargo, salienta o técnico, non convén relaxarse ante o próximo partido no derby contra Cruz Alta. “É un rival moi incómodo que sempre se nos atraganta. Pero isto debe supor un aliciente para que xoguemos igual de centrados que neste último partido” explica Pérez.

Tamén xogaron e gañaron esta fin de semana o Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior feminino, que gañou contra o CB San Pelayo Deportes Caneda 51-41 e se sitúa terceiro na competición. O equipo que adestra Roberto Rapela consegue así superar pouco a pouco as expectativas previstas para este ano, no que ao ser o primeiro nesta categoría aspiraban a manterse mediada a táboa.

Para completar estes bos resultados dos equipos ourensáns, o equipo de baloncesto júnior, o Campus Ourense Blanco Amor, acadou tamén a vitoria fronte ao Gayolo Begacar por un claro 73-52. Os rapaces que adestra Rubén Cortón sitúanse deste xeito de cuartos na súa categoría a pesares de ser o seu primeiro ano na competición.