DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Retómase a competición deportiva tralo descanso de Nadal

Os equipos do campus estrean o ano sumando puntos positivos

Tanto en rugby como en baloncesto gañaron os encontros disputados

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 13/01/2014

Tralo parón da competición deportiva co gallo das vacacións de Nadal, esta fin de semana as ligas de baloncesto e rugby retomaron a actividade. Os equipos universitarios do campus de Ourense estrearon 2014 do mellor xeito posible, conseguindo todos eles vitorias nos encontros disputados. As xogadoras de rugby non disputaron partido de liga pero un grupo delas participou no Campionato de España Feminino onde a selección galega acadou un moi bo terceiro posto.

Vitorias en rugby...

O Campus Ourense Rugby sénior masculino conseguiu unha vitoria contra o Zalaeta por 5 a 17. Desde o primeiro minuto, explican desde o club ourensán, o equipo, que contaba con moi poucos efectivos, acaparou o balón e o tempo de xogo. A próxima semana os homes adestrados por Américo Gomes tentarán repetir este bo resultado na súa viaxe ao campo do líder da Liga Galega de Rugby, o Vilagarcía, que acumula sete vitorias na competición. Precisamente contra o Vilagarcía de Arousa, a categoría sub 18 do club acadou esta fin de semana unha vitoria por 38 a 0 puntos.

O primeiro equipo de rugby gañou ao Zalaeta nas mesmas instalacións onde esta fin de semana se disputou o Campionato de España de Rugby Feminino. Nel, a selección galega competiu con varias xogadoras do Campus Ourense Rugby sénior feminino, como son Cecilia Martínez, Rebeca Otero Pita, Belén Rico, Sofia Barbosa, Andresa Gomes e Natalia Almeida. A selección catalá alzouse co título despois dunha pelexada final contra a de Madrid, mentres a galega acadou unha meritoria terceira praza ao imporse ao conxunto de Valencia.

... e en baloncesto

Os equipos de baloncesto do campus de Ourense tamén retomaron a competición despois do parón de Nadal con éxito. O Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior masculino conseguiu unha vitoria na primeira división masculina contra o Porriño Baloncesto Base. Os xogadores, que gañaron 71-61, sitúanse deste xeito no oitavo posto da táboa, con tres vitorias e seis derrotas. Do mesmo xeito, o conxunto sénior feminino gañou esta fin de semana contra o Compañía de María por 61-56 puntos. Con esta vitoria, as xogadoras ourensás mantéñense segundas na primeira división autonómica feminina, con tres vitorias e unha derrota que as sitúan moi preto do líder da táboa, o Arxil Mafari Café.