DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tanto en baloncesto feminino coma masculino fixérono por un axustado marcador en contra

Os equipos do campus perderon os seus encontros da fin de semana

As xogadoras de rugby foron derrotadas polo CRAT coruñés

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 29/10/2012

Foi unha mala fin de semana para os equipos do campus de Ourense. En baloncesto, tanto o conxunto sénior masculino coma o feminino acumularon sendas derrotas contra o CB Noia e Calasancias, a pesar de disputar encontros moi igualados ata os últimos minutos. Pola súa banda, en rugby esta fin de semana xogou o equipo feminino, que volveu a casa tras a súa derrota contra o CRAT cun marcador moi negativo, 126-0, pero coa satisfacción de ir mellorando a cada partido que disputan.

As xogadoras de rugby viaxaron o sábado ata a A Coruña para disputar un encontro contra o CRAT que sabían de antemán que ía ser moi difícil polo liderado que exercen as coruñesas na táboa. As ourensás chegaron ao partido con algunha baixa e coa convición de que se enfrontaban ao equipo máis complicado da liga. Segundo explica Rebeca Otero, unha das xogadoras, “foi un partido moi defensivo para Ourense, pero serviu para mellorar moitas cousas da defensa e para que as xogadoras máis novatas aprendesen algo máis do que é o rugby. A pesar do resultado, saímos moi orgullosas do que fixemos no campo e pensando en mellorar máis e máis cada adestramento". Agora, destacan desde o Campus Ourense Rugby, toca pensar no próximo partido, que será contra Vigo na casa.

A pesar de perder os seus encontros, os primeiros equipos de baloncesto do campus tamén remataron a xornada con bo sabor de boca xa que as derrotas foron moi axustadas no marcador. O conxunto sénior masculino perdeu contra o CB Noia por 53-56, un resultado que sitúa aos xogadores que adestra Toni Garda nun onceavo posto na primeira división sénior masculina, con tres derrotas e unha vitoria. Pola súa banda, o conxunto sénior feminino perdeu 63-57 puntos contra o Calasancias, un marcador que sitúa ás xogadoras que adestra Adrián Álvarez nun quinto posto na clasificación.