DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En rugby gañaron todos os encontros celebrados a fin de semana

Os equipos do campus rematan o ano con moi bo sabor de boca

As xogadoras de baloncesto sitúanse primeiras na táboa

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 17/12/2012
Esta fin de semana os equipos de baloncesto e de rugby do campus de Ourense xogaron os seus últimos encontros antes das vacacións de Nadal e á vista dos resultados rematan 2012 cun moi bo sabor de boca. En rugby, os xogadores das tres categorías nas que participa o Club Ourense Rugby acadaron cadansúa vitoria, clasificándose o conxunto feminino para a final da liga galega tras gañar ao Universidade de Vigo. Tamén en baloncesto, a nota destacada púxoa o equipo feminino, que o sábado recuperou o primeiro posto na táboa despois de imporse ao C Pío XII-Fedesa.

Tres vitorias en rugby

O Campus Ourense Rubgy feminino xogou o sábado nas instalacións locais contra o Universidade de Vigo na semifinal polo título de liga. As xogadoras adestradas por Barquero e Lucas enfrontaron o encontro coa esperanza de acadar un posto na final, aínda que conscientes de que ía ser difícil xa que as viguesas gañaron ás ourensás nos dous partidos de liga regular disputados. Finalmente o resultado foi unha vitoria para o Campus Ourense Rubgy por 24-5 puntos.

O domingo o equipo masculino do Campus Ourense Rugby enfrontouse ao Ferrol RC na casa. Os ourensáns comezaron o partido co obxectivo de poder sumar unha nova vitoria que os achegue aos postos que dan dereito a xogar o playoff polo título de liga e finalmente fixeron realidade as súas pretensións. A pesar do nivel moi parello que teñen os dous conxuntos, o resultado foi unha vitoria para os ourensáns por 29(B)-17. Seguindo esta boa racha, o equipo cadete gañou 5-17 ao CRAT A Coruña e conseguiu a súa primeira vitoria do ano. Durante os partidos do club, os asistentes tamén puideron participar na Operación Quilo deixando alimentos nun carro habilitado nas instalacións deportivas co gallo do Nadal.

Líderes da división autonómica de baloncesto

En baloncesto, os dous primeiros equipos tiveron desigual sorte nos encontros da fin de semana. As xogadoras gañaron 82-55 ao C Pío XII-Fedesa. Esta vitoria colocou ás ourensás primeiras na táboa aínda que empatadas a partidos coas súas inmediatas competidoras, o Porriño Bto Base Canteiras Grupo Pescanova e o ED Lourenzá Ensino, todas elas con cinco vitorias e dúas derrotas no que vai de liga. Pola súa banda, o conxunto masculino sufriu unha derrota contra o CB Tui por 54-48 puntos e remata o 2012 nun sexto posto na clasificación.