DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os equipos de baloncesto masculinos xogaron a fin de semana os seus últimos encontros

Os equipos do campus vanse de vacacións cun bo sabor de boca

En rugby, satisfacción pola convocatoria de xogadores cadetes e infantís para as seleccións galegas

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 19/12/2011

A piques de coller as vacacións de Nadal, os equipos de baloncesto do campus de Ourense celebraron a fin de semana os seus últimos encontros de 2011. Xogaron os equipos masculino sénior e cadete, conseguindo en ambos casos unha vitoria que lles permite consolidar as boas posicións acadadas nesta primeira etapa da tempada e afrontar 2012 con certa tranquilidade e seguridade no seu xogo. Pola súa banda, os equipos de rugby rematan o ano coa satisfacción de ver a varios dos seus xogadores cadetes e infantís convocados para as respectivas seleccións galegas. Un chamada froito do esforzo que realiza o Club Campus Ourense Rugby para formar canteira e novos xogadores.

En baloncesto, vitorias

En baloncesto o Universitario Campus de Ourense sénior masculino xogou o sábado 17 o seu último partido deste ano contra o BCA Universidade. Os xogadores que adestra Javier Pérez afrontaron o encontro co desexo dunha vitoria que deixase bo sabor de boca antes das vacacións e que consolidase a súa posición mediada a táboa. Co obxectivo de permanencia na categoría no horizonte, os xogadores conseguiron finalmente unha axustada vitoria de 69-67 que lles dá certa tranquilidade para comezar 2012.

Tamén xogaron esta pasada fin de semana os cadetes, o Campus Ourense Blanco Amor, que conseguiu impoñerse de xeito moi folgado ao Gimnasia Bitácora por un resultado final de 85-54. Os xogadores que adestra Rubén Cortón sitúanse así sétimos na táboa, con tres vitorias e catro derrotas, e agardan comezar 2012 co bo pé co que rematan este ano.

O equipo feminino non xogou esta fin de semana pero si o fixeron os seus inmediatos rivais na táboa, polo que o equipo que adestra Roberto Rapela descendeu do primeiro posto no que se situaba a xornada pasada ao quinto pero con moitas expectativas de recuperar ese primeiro posto xa que os cinco primeiros equipos da táboa están practicamente empatados a vitorias e derrotas e con igual número de partidos xogados.

En rugby, xogadores convocados á selección galega

Polo que respecta ao rugby, os xogadores cadetes de Campus Ourense Rugby Yago Rodríguez Rafael e Andzhel Ongyanov Tyutyundzhrev foron convocados pola selección galega de rugby para viaxar a Córdoba os vindeiros días 27, 28 e 29 de decembro para disputar o Torneo de Nadal da Federación Andaluza de Rugby. Do mesmo xeito, esta fin de semana os infantís Belén Rico e Miguel Blanco formaron parte da concentración que a selección galega infantil realizou en Lugo. Dúas convocatorias que son un motivo de especial satisfacción para o club, porque supoñen o recoñecemento ao esforzo de crear canteira que están realizando e sobre todo ao traballo dos rapaces no campo de xogo, e que fan esquecer a derrota sufrida esta fin de semana polo primeiro equipo en Lalín.