DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tanto en rugby coma en baloncesto perderon os encontros disputados esta fin de semana

Os equipos comezan con mal pé a recta final das súas respectivas ligas

As esperanzas están postas agora no resultado do Universitario Campus Ourense feminino

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 23/04/2012

A pasada fin de semana rematou a competición para o primeiro equipo do Campus Ourense Rugby, que finalizou unha liga especialmente dura para a formación ourensá acadando un quinto lugar. Esta fin de semana, os demais equipos universitarios xogaron os seus encontros xa coa ollada posta nos seus respectivos finais de liga. Tanto en baloncesto coma en rugby e tanto nos conxuntos femininos coma nos masculinos, os ourensáns perderon os seus enfrontamentos.

En baloncesto, o Universitario Campus Ourense sénior masculino xogou contra o BCA Universidade un disputado encontro que rematou cun resultado final de 72-62. Foi a terceira derrota consecutiva para os xogadores que adestra Javi Pérez, que se sitúan nun onceavo posto da primeira división. A súa derrota foi acompañada pola do equipo de baloncesto júnior masculino. O Campus Ourense Blanco Amor perdeu por un destacado 111-43 contra o Marín Peixegalego, un resultado que sitúa aos ourensáns no oitavo lugar das súa competición.

A pesar de non xogar esta fin de semana, o Universitario Campus Ourense de baloncesto feminino sénior mantívose pola súa banda atento aos resultados da competición, pois si xogaron os seus directos adversarios na loita polos postos de cabeza na liga da 1ª División Autonómica Feminina. As xogadoras que adestra Roberto Rapela continúan nun segundo lugar, con 22 partidos xogados, 16 vitorias e 6 derrotas. Uns datos que manteñen ao conxunto ourensán moi preto do líder, o Arxil Mafari Café, que ten 23 partidos xogados, 18 vitorias e 5 derrotas.

O xogo continúa co rugby feminino

Unha vez remata a participación do equipo sénior masculino, a competición en rugby continúa cos demais conxuntos do Club Ourense Rugby. Este domingo as xogadoras enfrontáronse ao Zalaeta R.C. nas instalacións universitarias nun intenso partido ao que as ourensás chegaban moi motivadas despois de ver como o seu xogo foi mellorando nos últimos encontros. A pesar de perder 5-29, o Campus Ourense Rugby rematou cun bo sabor de boca o encontro. Nos obxectivos das xogadoras está xa a súa preparación para a Copa Xunta que van disputar e na que queren deixar constancia de que aínda que se trata dun novo equipo, nado este curso, o seu xogo é cada día mellor.