DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os mozos xogan en Allariz e as rapazas mídense ao Baiona

Os equipos masculino e feminino de baloncesto á procura dunha nova vitoria

Mentres, a actividade do rubgy céntrase esta fin de semana nos equipos vigueses

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 13/11/2009

Despois de derrotar ao Baiona Anfaco por un resultado de 81-62, o cadro sénior masculino de baloncesto enfróntase esta fin de semana ao líder da categoría, o C. B. Allariz Blanco Quintas no campo do Allariz. Javier Pérez, o adestrador do equipo, explica que se trata dun derby “con todas as connotacións psicolóxicas que iso conleva. Son partidos máis tensos ca vistosos e con moita xente nas gradas”, declara. O cadro ourensán non parte como favorito e iso é unha vantaxe para o adestrador. “Nós non somos os favoritos do encontro e, por iso, temos que conseguir que os nervios desaparezan”. Na actualidade, o Universitario Campus Ourense ocupa o terceiro lugar na táboa de clasificación por detrás do Allariz e do Tui.
En categoría feminina o Universitario Campus Ourense, o cadro sénior feminino de baloncesto, xoga este domingo contra o CB Baiona. O equipo afronta este partido coas gañas e o optimismo que lles deu a súa victoria contra o equipo vigués San José da Guía a pasada fin de semana, ao que derrotaron por un resultado de 65-48. O equipo prepárase para o partido contra o Baiona cun obxectivo, “conseguir a victoria”, segundo explica o seu adestrador, Roberto Rapela. É a primeia vez que as xogadoras do Universitario Campus Ourense xogan xuntas, polo que o cadro asume estes primeiros partidos da competición como unha engranaxe para ir rodando e collendo o ritmo. “O que queremos nestes primeiros meses de competición é facer equipo e conseguir a unión de todas as condicións e tácticas que teñen as rapazas”, explica o adestrador.
Mentres, o Ferrol vai ser o rival do cadro junior masculino de baloncesto esta fin de semana. Os xogadores ourensáns afrontan o partido trala derrota acadada a semana pasada contra o Marín Peixe Galego, cun resultado de 72-53. O Campus Ourense Blanco Amor ocupa na actualidade o oitavo lugar na táboa. Os tres primeiros postos da clasificación son para o Maristas, o Peleteiro e o Marín Peixe Galego.

O Universidade Ednon Vigo visita o campo do líder

A actividade nas diferentes categorías do rugby concentrase esta fin de semana nos equipos do campus de Vigo, mentres que o Campus Ourense RC descansa ata o 22 de novembro cando se disputará a 6ª xornada do calendario de Primeira Nacional Grupo A.
Así o Ednon Universidade de Vigo visitará este dominog ás 12.00 o campo do líder da División de Honor B, o Hernani CRE. Trala derrota sufrida na última xornada no campo do Barcelona, os vigueses teñen ante si unha complicada oportunidade para sumar a que sería a súa terceira vitoria da temporada. Con 10 puntos o Ednon Universidade de Vigo ocupa a cuarta praza da clasificación da División de Honor B.
Pola súa banda este sábado comeza a Liga Galega Xuvenil e o Universidade de Vigo R.C comenzará a súa andaina esta temporada visitando o campo dos Ingleses R.C. Na Primeira Territorial Galega, o Universidade Vigo R.C xoga este sábado ás 17.00 horas en Pontevedra no campo do Mareantes.