DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sete ourensás participaron no Campionato de Seleccións Autonómicas de Rugby

Os equipos retoman a competición con moitas ganas e bos resultados

As xogadoras de baloncesto sitúanse primeiras na liga sénior feminina

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 14/01/2013

Rematadas xa as vacacións de Nadal esta fin de semana chegou o momento de que os equipos de rugby e baloncesto do campus de Ourense retomaran as súas respectivas competicións. Excepto o conxunto sénior de baloncesto, todos eles acadaron vitorias nos seus encontros e comezan 2013 cun moi bo sabor de boca e moitas expectativas. Ademais dos partidos de liga, o deporte universitario ourensán celebrou a participación de sete xogadoras da casa no Campionato de Seleccións Autonómicas de Rugby Feminino, onde acadaron a medalla de bronce. Tamén en clave feminina, o Universitario Campus Ourense de baloncesto situouse este sábado no primeiro posto da súa liga.

O rugby despunta

Foi unha moi boa fin de semana en rugby. O equipo sénior recibiu ao Mareantes RC no que ía ser un transcendental encontro para os locais pois debían acadar unha vitoria se querían continuar con opcións para clasificarse para os play-off da Liga Galega. Finalmente, os xogadores ourensáns gañaron 13-3. Do mesmo xeito, a categoría cadete do Campus Ourense Rugby xogou en Pontevedra un importante encontro contra un dos favoritos a conseguir o título de liga, o PRC, conseguindo finalmente gañar por un marcador final de 17-29.

Ademais destes encontros de liga, o rugby estivo de noraboa xa que sete compoñentes do Campus Ourense Rugby foron convocadas para xogar no equipo galego que participou esta fin de semana no Campionato de Seleccións Autonómicas de Rugby Feminino, disputado no estadio Nelson Mandela da cidade de Torrevieja, en Alacante. Desde o club ourensán destacan o gran papel realizado tanto polas debutantes Berta, Rebeca e Lucía como polas veteranas Nerea, Cecilia, Ana Martín e a capitá, Ana Vidal. O conxunto de Galicia acadou a medalla de bronce da competición. “ Foi un gran logro para o deporte ourensán e para a selección galega”, destacou Ana Vidal.

Desigual sorte en baloncesto

En baloncesto os resultados dos primeiros encontros de 2013 foron desiguais, cunha vitoria para o conxunto feminino e unha derrota para o masculino. Na primeira división autonómica feminina, o Universitario Campus de Ourense gañou ao Compañía de María por un marcador de 61-75 puntos que alzou ás ourensás ao primeiro posto da táboa, aínda que seguidas moi de preto polas súas inmediatas competidoras. Na primeira división sénior masculina, o equipo universitario xogou contra o Instituto Rosalía de Castro e perdeu por un marcador de 49-61 puntos, situándose no sétimo posto da táboa.