DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus Ourense Rugby xoga contra o Belenos RC, un dos favoritos para o título

Os equipos de rugby e de baloncesto enfróntanse a rivais fortes na fin de semana

O Baiona e o Marín serán os rivais dos cadros sénior e junior de baloncesto

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 06/11/2009

Fin de semana de obxectivos e de partidos difíciles para os equipos de rugby e de baloncesto. O Campus Ourense Rugby xoga o domingo contra o Belenos RC no campo de Monterrei. O Belenos RC é un dos favoritos para conseguir o título de liga que, ademais, vén de descender dunha división superior. O Campus Ourense Universidade de Vigo, o cadro sénior de baloncesto, xoga o sábado na casa no Pavillón Universitario contra o Baiona, un dos equipos fortes da liga. E o Campus Ourense Blanco Amor, o cadro júnior de baloncesto, pola súa parte, xoga o domingo o seu primeiro partido na Liga Galega contra un rival a ter en conta por ser un dos favoritos para quedar entre os tres primeiros postos do campionato, o Marín Peixe Galego.

No rugby, o Belenos é o rival

O Campus Ourense Rugby enfróntase a Belenos RC este domingo 8 de novembro, ás 13 horas, no campo de Monterrei. Vai ser un encontro complicado para os ourensáns, xa que o equipo rival, o Belenos RC, é un dos favoritos para conseguir o título de liga. O Campus afronta este encontro baixo de moral, despois da inesperada derrota da semana pasada en Oviedo. A pesares de todo, os ourensáns contarán con todos os seus xogadores dispoñibles para este encontro, e despois da intensa semana de adestramentos sairán ao campo coa única idea de conseguir a vitoria fronte ao seu público. Público que, por certo está, a respostar moi ben este ano, acompañando ao Campus en grandes cantidades nos seus encontros na casa.

O cadro sénior de baloncesto xoga na casa contra o Baiona

Trala vitoria acadada a pasada fin de semana contra o CBB Pontevedra por 40-56, o Campus Ourense Universidade de Vigo xoga este sábado 7 de novembro, contra o Baiona. O partido terá lugar ás cinco da tarde no Pavillón Universitario. O adestrador do cadro sénior de baloncesto, Javier Pérez, define ao seu rival no encontro como “un equipo bastante forte na casa, pero que baixa un pouco nos desprazamentos”, e recoñece que lles vai custar acadar a vitoria. “Eles son xogadores moi físicos, altos e fortes. Nós, pola contra, somos un equipo moi novo que aínda non alcanzou a súa madurez física. E no baloncesto estes condicionantes son moi importantes”, explica. A pesares da fortaleza do equipo rival, o adestrador subliña a importancia de xogar na casa como unha das bazas que lles pode axudar a derrotar ao rival. “Non nos podemos permitir perder na casa se queremos conseguir os nosos obxectivos. O primeiro deles pasa pola permanencia, pero non descartamos dar algunha sorpresa e meternos na fase de ascenso. Sabemos que é complicado, pero temos esa ilusión e imos traballar por conseguila”, declara.

O cadro junior de baloncesto xoga o seu primeiro partido na Liga Galega

O cadro junior de baloncesto, o Campus Ourense Blanco Amor, xoga o domingo o seu primeiro partido da Liga Galega. Farao en Marín ás seis e media da tarde, e xogará contra o equipo local, o Marín Peixe Galego. É a primeira vez que o equipo junior xoga na Liga Galega, e faino despois de superar con éxito a etapa eliminatoria da fase clasificatoria derrotando ao Clube Baloncesto Baiona. O adestrador, Miguel González, afirma que os xogadores asumen esta nova experiencia “con ilusión”, e asegura que van traballar duro “para pelexar todos os partidos e dar unha boa imaxe”. O seu rival no partido do domingo, o Marín Peixe Galego é, segundo o adestrador, “un dos equipos fortes do grupo”, polo que afrontan o encontro “sen demasiadas expectativas de gañar”. Nas palabras do adestrador, “simplemente queremos xogar e dar unha boa imaxe, algo que tamén nos servirá para coñecer cál é o noso nivel na competición”, declara.