DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os equipos de rugby e de baloncesto senior pelexarán pola vitoria fóra da casa

Ámbolos dous cadros afrontan con optimismo os seus partidos desta fin de semana

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 30/10/2009
O Campus Ourense Rugby e o cadro senior masculino de baloncesto, o Campus Ourense Universidade de Vigo, disputarán este sábado sendos partidos fóra da casa nos que pelexarán pola vitoria. Os xogadores de rugby viaxarán ata Oviedo para enfrontarse ao equipo do Cowper RC, no que será o terceiro encontro dos ourensáns na competición. O equipo de baloncesto, pola súa banda, xogará en Pontevedra contra o CBB Pontevedra.
Trala derrota que sufriron a fin de semana pasada contra o líder da categoría, o CRAT A Coruña, onde obtiveron un resultado de 10-22, os xogadores do equipo ourensán de rugby viaxan mañá a Oviedo para afrontar o seu terceiro encontro na competición. Nesta ocasión, o Campus Ourense Rugby viaxará con todos os seus xogadores dispoñibles, polo que o adestrador poderá contar, por primeira vez no ano, coa plantilla ao completo para elaborar o cadro titular.
Os xogadores do equipo ourensán de rugby afrontan este partido contra o Cowper RC coa esperanza da vitoria. Na actualidade, os ourensáns están situados no medio da táboa, cunha vitoria e unha derrota, e superan en cinco puntos aos asturianos, que aínda non coñecen a vitoria na competición.

Unha das poucas saídas para xogar fóra da casa con posibilidades de gañar

O CBB Pontevedra vai ser o rival que o cadro senior ourensán de baloncesto terá que superar no partido de mañá sábado. Os xogadores afrontan o encontro coa forza que lles deu a súa victoria contra os de O Meco Santo Ángel, de O Grove, aos que derrotaron por 95-61 a fin de semana pasada. De feito Javier Pérez, adestrador do cadro senior, asegura que a cita de mañá en Pontevedra “é unha das poucas saídas para xogar fóra da casa con posibilidades de gañar, xa que equipo rival aínda non coñece a victoria. Penso que estamos ante un partido que podemos sacar adiante se xogamos ben todas as nosas cartas”, declara.