DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Américo Gomes substitúe a Ernesto Barboza como adestrador dos xogadores sénior

Os equipos de rugby renóvanse antes de empezar a nova tempada

As diferentes categorías agardan consolidar os bos resultados da liga pasada

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 10/09/2012

As ligas oficiais están a piques de comezar e os equipos deportivos do campus de Ourense ultiman a súa posta a punto para iniciar con bo pé as súas respectivas competicións. Con esta idea, o Campus Ourense Rugby vén de presentar o seu novo equipo técnico, unha nova aposta do club por renovar as diferentes categorías e conseguir esta tempada consolidar e mellorar os resultados da liga pasada.

Américo Gomes pasa a ser o novo director deportivo do club, tarefa que compaxinará coa de adestrador do equipo sénior. Américo é, segundo apunta o portavoz do Campus Ourense Rugby, Javier Conde, un vello coñecido do rugby galego pois foi adestrador das categorías inferiores da selección galega e adestrador dos equipos portugueses do Arcos de Valdevez e Scrum de Braga. Con xa 38 xogadores adestrando antes de comezar a liga, os responsables do club salientan a súa satisfacción cos resultados que están obtendo nesta categoría e agardan que a entrada de Gomes se incremente o dinamismo e a rapidez de xogo do conxunto. O sábado, día 15 de setembro, comezarán a xogar cun amizoso contra Pontevedra.

O equipo feminino estará esta tempada dirixido por Ángel Barquero, que volve a facerse cargo do conxunto despois dalgúns anos afastado do traballo técnico do club. As xogadoras do Campus Ourense Rugby foron a revelación da súa categoría despois de realizar un moi bo papel no seu primeiro ano de competición, papel que esta liga agardan consolidar e incluso mellorar.

Ernesto Barboza pasará a ser o adestrador do equipo sub-18 (cadetes), onde quere continuar con excelente traballo que desenvolveu cos xogadores sénior do campus nos últimos anos. O equipo cadete, que conta este ano cun grupo moi compacto, aspira esta liga a situarse no máis alto da táboa. Pola súa banda, o francés Marc Ives repite no posto e será o encargado de adestrar o equipo sub-16 (infantís) e de conseguir repetir os seus bos resultados da tempada pasada. Por último, o ex-xogador do primeiro equipo Lucas Casas será, co apoio de Juan, o coordinador das escolas deportivas do club, que se desenvolverán durante todo o ano en diferentes centros educativos da cidade e que serán o viveiro das categorías máis pequenas do club.