As xogadoras adestradas por Roberto Rapela continúan sendo líderes da súa categoría
Os equipos sénior de baloncesto consolidan os seus postos na liga
O conxunto masculino sobreponse cunha vitoria aos malos resultados das últimas xornadas
Xornada a xornada os equipos de baloncesto sénior do campus de Ourense van consolidando os seus postos nas súas respectivas categorías. Despois de gañar esta fin de semana, o Universitario Campus Ourense feminino mantén o liderado da liga aínda que seguido moi de preto polos seus dous inmediatos competidores. Pola súa banda, os xogadores que adestra Javi Pérez conseguiron este sábado unha vitoria que rompe cos malos resultados acadados nos últimos partidos e que lles devolve a ilusión pola competición.
As xogadoras adestradas por Roberto Rabela enfrontáronse o sábado ao Porriño Bto Base Canteiras Grupo Pescanova. As ourensás demostraron o seu bo momento e o seu bo xogo dominando en todo momento o encontro, que gañaron por vinte puntos de diferenza, cun marcador final de 63-43. Este resultado mantén ao Universitario Campus Ourense feminino líder da Primeira División Autonómica, con 13 vitorias e 4 derrotas pero a tan só unha e dúas vitorias respectivamente dos seus inmediatos contrincantes, o Arxil Mafari Café e o La Salle. Os tres equipos están á expectativa do desenvolvemento de cada xornada de liga xa que as diferenzas entre eles son mínimas.
Tamén foi unha boa fin de semana deportiva para a equipo de baloncesto sénior masculino, que gañou 58-64 ao Ulla Olil Rosalía nun disputado encontro que supón un balón de osíxeno para un conxunto que acumulaba varias derrotas consecutivas. Con este resultado, o Universitario Campus Ourense masculino consolídase no décimo posto da liga e continúa afrontando con ganas e moito esforzo o seu primeiro ano de competición na Primeira División. As lesións e a falta de experiencia nunha liga superior están pasando factura aos xogadores ourensáns, que agardan recuperar axiña o bo xogo realizado na primeira fase da liga 2011/2012.