DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os equipos de tenis dan o 'raquetazo' final

O CD Universidade ‘A’ ten a vista posta no ascenso

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 31/05/2011

Co fin da tempada deportiva á volta da esquina, é hora de facer un último esforzo para recoller os froitos do traballo realizado durante todo o ano. Isto é o que lles sucede ás diferentes categorías do Club Deportivo Universidade de Vigo, a piques de rematar unha tempada inigualable no Campionato Galego por Equipos. Mentres que o equipo masculino CD Universidade de Vigo ‘A’, adestrado por Jorge Comesaña, goza dun pé en 1º categoría tras rematar coma segundo de grupo, o equipo feminino loitará os vindeiros días 4, 5, 11 e 12 de xuño por obter o mellor resultado posible ante o Club de Tenis Coruña. Doutra banda, hai que resaltar que o equipo masculino ‘B’ xa acadou o ascenso a 2º ‘B’, tras quedar segundo de grupo na fase de liga e acceder á fase de promoción, na cal obtivo a vitoria.

A situación do CD Universidade de Vigo

O equipo de tenis Universidade de Vigo ‘A’ ten un pé en 1º categoría, pero este ascenso pode suceder tanto de forma directa coma de forma indirecta, dependendo dos resultados obtidos polos seus contrincantes e según a normativa estipulada pola Federación Galega de Tenis. Tal e como recolle o adestrador do equipo, “cremos que subiremos de forma directa, aínda que no caso de ter que xogar, depende do equipo que nos toque. De todos os xeitos temos bastante confianza, a pesar de que algúns xogadores xa competiron en 1º, todos teñen moitas ganas e están entusiasmados”.

Respecto ás alternativas que se barallan de cara ao acceso á 1º categoría, o equipo que quedou primeiro de grupo, o CCD Sanxenxo ‘B’, xa ten un equipo en 1º categoría, o CCD Sanxenxo ‘A’ e, segundo estipula a normativa, non pode haber dous equipos do mesmo club na mesma categoría. No caso de que o CCD Sanxenxo ‘A’ gañase o primeiro partido da 1º categoría, o CD Universidade de Vigo obtería o acceso directo, mentres que se perde baixaría a 2º e ascendería o CCD Sanxenxo ‘B’, provocando que o CD Universidade de Vigo ‘A’ xogara a promoción contra o Cidade de Lugo. A última das posibilidades, centrada en que o CCD Sanxenxo ‘A’ perdese o primeiro partido e gañase o segundo, implicaría que o CCD Sanxenxo ‘B’ ascendese, obrigando o equipo da Universidade a xogar o partido da promoción.

Ampliación da regulación

Estas posibilidades foron establecidas polo Comité de Competición da Federación Galega de Tenis, xa que non se tiña recollido nada ao respecto en ningún dos apartados do regulamento, resolvendo así a dúbida plantexada polo CD Universidade de Vigo.