DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadaron dúas vitorias e un empate

Os equipos de xadrez do campus comezan a liga con bo pé

Nos encontros disputados esta fin de semana en Verín, Chantada e Pereiro de Aguiar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 14/02/2022

A liga galega de xadrez arrancou esta fin de semana e fíxoo con boas impresións para os tres equipos que esta tempada representan ao campus de Ourense noutras tantas categorías. Nos encontros disputados en Verín, Chantada e Pereiro de Aguiar, o Universitario de Ourense sumou dúas vitorias e un empate.

Na primeira división, o Universitario de Ourense A desprazouse a Verín para xogar contra Verín B, ao que gañou por un marcador final de 1-3, con vitorias de Diego Vidal, Marcos Reza e Miguel Reza e derrota de Adrián González. Pola súa banda, en segunda división, o Universitario de Ourense B desprazouse a Chantada para xogar contra Círculo Chantadino de Xadrez B, gañando o encontro pola mínima (1,5-2,5), con vitoria de Lino Hermida e táboas de Manuel Álvarez, José Manuel Novoa e Gabriel Alcalde. Por último, na terceira división, o Universitario de Ourense C xogou contra Xadrez Ourense E no parque empresarial de Pereiro de Aguiar. O representante do campus de Ourense acadou neste caso un empate (2-2), con vitorias de Rodrigo Arias e Nuel Vázquez e derrotas de Sergio de Soto e Manuel Arias.