DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As instalacións forman parte dun proxecto docente de alumnos de Belas Artes

Os escaparates da cidade convértense en leccións de arte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 05/12/2008

Algúns escaparates da cidade agochan sorpresas para os viandantes e non son os produtos da campaña de Nadal. Son as intervencións artísticas de varios alumnos da Facultade de Belas Artes. A iniciativa forma parte da materia de Didáctica das artes plásticas, do terceiro curso, que imparte Paloma Cabello, e que pretende educar á sociedade na arte, na ruptura das rutinas e en tratar de descubrir unha nova mirada para deixar que o espectador deixe de ser pasivo e forzar a súa relación coa obra. Artistas como Thomas Hirschhorn, Robert Morris ou Piet Mondrian e a influencia da Bauhaus están detrás dalgúns destes proxectos.
Un dos espazos escollidos para a realización da actividade é a libraría Paz (Peregrina, 29) onde as alumnas Ángela Curro e Antía Cea realizan o seu traballo para “dar a coñecer as obras de artistas como Thomas Hirschhorn ou Alicia Martín que traballan cos libros e escollen a forma visual, o bonito”. Deste xeito, as alumnas optaron por “desordenar” os libros expostos no escaparate da libraría e mesmo esquecerse das clasificacións temáticas. Como pouco, o estado no que se atopa o escaparate vai chamar a atención. Acadar o obxectivo de educar á sociedade sobre a arte é algo que ocupará a segunda parte do traballo dos alumnos.

Mondrian e a estética do comic

As cores planas e vivas dos mobles de cociña de The Singular Kitchen inspiraron a Andrea Lage, María Baamonde e Cillas Rodríguez unha intervención a favor de Piet Mondrian. As súas obras de cadros de cores son moi coñecidas, pero segundo estas alumnas “hai pouca xente que coñeza o nome do seu autor”. Na súa instalación converteron a cristaleira do establecemento nunha obra do autor holandés, indicando o seu nome. A intervención vai acompañada dun texto explicativo sobre "o contexto da súa obra e a evolución que supuxo para arte”.
Igual de sorprendente resulta a estética cómic do escaparate de Torrado (La Oliva, 22-24) que prepararon Andrea Pérez, Antía Mosquera, Begoña Mumary, Keila Fernández e Ruth Núñez. A intervención, que permanecerá ata o día 7, xoga cos límites entre a realidade e o debuxo. O escaparate enteiro converteuse nunha viñeta e os marcos, caixas, lámpadas e cabaletes do seu interior adoptaron o aspecto base dun cómic. Como non podía faltar, o bocadillo lembra unha frase de Robert Morris sobre a arte minimalista "a sinxeleza da forma no implica a simpleza da súa experiencia".