O documento entrará en vigor ao dia seguinte da súa publicación no DOG
Os Estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Consello da Xunta
Despois que a Universidade de Vigo realizase o pasado mes de novembro as modificacións recomendadas pola Asesoría Xurídica do Goberno autonómico, o Consello da Xunta deu hoxe luz verde o decreto que recolle os novos Estatutos da institución académica. O documento, composto por 164 artigos, e que adapta os Estatutos á reformada Lei Orgánica de Universidades (LOU), entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
O documento que foi cualificado pola presidenta da comisión creada para a reforma dos Estatutos e secretaria Xeral da Universidade de Vigo, Esther González como “froito do esforzo e consenso de todos”, establece como fins prioritarios da institución a consecución das máximas cotas de calidade de docencia e investigación e o fomento da procura de novos coñecementos, da creación artística e do desenvolvemento científico. Ademais, como organización pública, a Universidade de Vigo comprométese á difusión dos coñecementos e da cultura á sociedade.
Liñas fundamentais do documento
A equiparación do profesorado con vinculación á Universidade de Vigo co profesorado funcionario ou as adaptacións derivadas da nova regulación de determinadas figuras de profesorado, o que ocorre por exemplo co profesorado contratado doutor, xa que agora non pode ser contratado a tempo parcial, son dúas das liñas fundamentais do novo texto aprobado por unanimidade no Claustro celebrado en maio de 2008.A incorporación no novo texto da estrutura de titulacións xerada polo proceso de adaptación ao EEES e as modificacións derivadas da necesidade de manter a paridade entre homes e mulleres nos distintos órganos e comisión, son outras características do novo texto que incorpora ademais cambios para revitalizar o Claustro como órgano de representatividade da comunidade universitaria. Así o Claustro poderá aprobar as liñas xerais da política orzamentaria e terá capacidade para informar sobre as novas titulacións de grao da Universidade de Vigo, así como a facultade ou escola á que se adscribe.