DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha Xornada Antitabaco organizada polo Servizo de Deportes

Os estudantes do campus comproban de primeira man os efectos do tabaco co asesoramento de Mª Victoria Aldea

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 26/11/2008
Que os alumnos coñezan o impacto que produce o tabaco no seu organismo era o obxectivo principal da Xornada Antitabaco organizada polo Servizo de Deportes. Coa realización dunha serie de probas científicas e a exposición dun relatorio sobre o tabaquismo e a saúde, a Universidade quixo promover a práctica do deporte para abandonar o tabaco, concienciando e espertando o interese nos participantes pola deshabituación a este vicio, ao comprobar eles mesmos as súas consecuencias.
Deceas de mozos fumadores e non fumadores déronse cita, a media mañá no salón de actos da ETS de Enxeñeiros Industriais, para a realización de cooximetrías. “Mediante o cooxímetro detéctase o nivel de monóxido de carbono en aire espirado e a súa conversión en sangue, permitindo coñecer así o impacto do tabaco no organismo de cada quen, ben sexa fumador activo ou pasivo, así como a súa dependencia”, explicaba Juan José Crespo, médico especialista en Medicina Deportiva.
A curiosidade foi a razón que levou aos estudantes que facían ringleira esperando a facer a proba. “Saber ata que punto lles afecta aos fumadores pasivos", "coñecer o monóxido de carbono que teñen os pulmóns" ou s"er informado dos métodos para deixar de fumar” eran as dúbidas e inquedanzas dos alumnos de Enxeñaría Industrial Lorena Álvarez, David Neira e Manuel Román, respectivamente.
Para resolver todas esas cuestións e dar consello contouse coa presenza de Mª Victoria Aldea, técnica do Servizo de Promoción de Saúde da Delegación Provincial e asesora do Programa Galego de Promoción da vida sen Tabaco. Aldea foi a encargada de practicar as cooximetrías aos participantes, preguntándolles tamén sobre a idade, os anos que levaban fumando, o número de cigarrillos diarios e as horas de exposición ao tabaco na casa, no traballo e nos momentos de ocio. Con todos eses datos Aldea extraía unha serie de conclusións e recomendacións personalizadas. “Fumando a mesma cantidade e marca, dúas persoas poden dar resultados diferentes; a idade ou o xeito de fumar son factores determinantes”, sinalaba a experta. En fumadores pasivos rexístranse ás veces niveis importantes de monóxido de carbono, foi o caso de Andrea Vega que pese a non fumar o seu resultado non foi totalmente negativo, “estar na cafetería ou en espazos pechados, rodeada de fumadores puido ser a causa” afirmaba.

O tabaquismo e a saúde

Despois da realización das cooximetrías, Mª Victoria Aldea ofreceu un relatorio coa finalidade de sensibilizar aos alí presentes. O tabaco como unha droga, as súas consecuencias, sobre todo en determinados momentos como o embarazo ou a lactancia, a mostra dos compoñentes dun cigarrillo e o proceso de deixar de fumar foron os puntos nos que se centrou a exposición.
Aldea tamén sinalou algúns dos efectos menos coñecidos do consumo de tabaco nas mulleres como son “a aparición de acné, a redución de absorción dos cosméticos, a impotencia e a infertilidade”. Ademais, tamén abraiou ao público amosando un recipiente coa cantidade de alquitrán que un fumador, de 20 cigarrillos diarios, chega a acumular anualmente nos seus pulmóns.
Outro dato relevante que deu a coñecer, extraído dunha enquisa realizada recentemente, foi a porcentaxe de fumadores na comunidade galega. Un 21% declárase fumador diario, mentras que só un 4% ocasional.

O labor do Servizo de Deportes

O tabaquismo está considerado a primeira causa de enfermidade, invalidez e morte evitable en España. Para o Servizo de Deportes da Universidade isto supón unha preocupación, “tratamos de promover a práctica de diferentes actividades físico-deportivas, como un vehículo para abandonar hábitos non saudables como é o tabaco”, explica o responsable Javier Rial.
O Servizo de Deportes prepara anualmente un extenso programa de actividades e escolas deportivas incluíndo propostas abertas a todos os públicos e a resposta tradúcese en que “un terzo da comunidade universitaria fan deporte a lo menos un par de veces á semana”, sinala Rial. Posicionarse como un referente a promover a vida saudable e visualizar o seu compromiso coa saúde son os compromisos deste servizo.