DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mañá, 15 de outubro, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Os estudantes do campus porán a proba a súa condición física co proxecto “Actívate”

Con clases gratuítas de capoeira e pilates para animar aos alumnos a realizar exercicio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 14/10/2008

Os estudantes do campus poderán coñecer a súa condición física a través de pequenas probas que, da man de expertos en saúde deportiva, se realizarán na entrada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A iniciativa forma parte do proxecto Actívate, unha actividade na que participan a Consellería de Cultura e Deporte en colaboración coas tres universidades galegas e que mañá, día 15 de outubro, chega ao campus pontevedrés. Segundo comentou o xefe do servizo de Deportes da Consellería, Jesús Besteiro, “se o proxecto serve para que a xente tome contacto co deporte, xa estará cumprido o noso obxectivo, que é o de fomentar a práctica da actividade física nunha idade na que é moi abandonada”, subliñou na presentación do programa que tivo lugar na Casa das Campás.
Pola súa banda, a responsable da Área de Extensión Cultural e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto, animou a todos os estudantes a participar en Actívate que “dun xeito lúdico e educativo informará dos beneficios da actividade física saudable no ámbito universitario”.

Probas físicas e consellos personalizados

A través dun test de condición física saudable, os membros da comunidade universitaria poderán coñecer a súa capacidade deportiva e mellorala grazas aos consellos personalizados que darán os expertos. Oito técnicos estarán no primeiro andar da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación encargados da realización de sinxelas probas e dous máis serán os que asesoren aos participantes ao remate das probas en función dos resultados.
Previamente á realización da batería de exercicios, o participante deberá cumprimentar un cuestionario para coñecer os seus hábitos deportivos. Unha vez comezados os exercicios, o participante levará consigo unha ficha persoal onde irá anotando en cada posto os resultados das probas e ao final, será aconsellado sobre os parámetros a mellorar na súa condición física saudable.

Clases gratuítas de pilates e capoeira para impulsar a práctica deportiva

Para fomentar aínda máis a práctica deportiva entre os estudantes e demais membros da comunidade universitaria, o Servizo de Deportes do campus ofertará unha serie de actividades gratuítas para que “os alumnos coñezan as nosas propostas, as proben e se animen a inscribirse dun xeito continuado”, subliñou o responsable Gustavo Loureiro. Deste xeito, a vindeira semana impartiranse gratuitamente clases de pilates e de capoeira, ás que poderán acudir todos aqueles que o desexen inscribíndose previamente no Servizo de Deportes que se atopa na EU de Enxeñaría Técnica Forestal. A clases terán lugar no Xinmasio Árdeas de Pontevedra o vindeiro luns e mércores de 19:15 horas a 20.15 horas, no caso de pilates, e os próximos mércores e venres de 20.15 horas a 21.15 horas, para a capoeira.