DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación póñense ao día en política alemá da man do experto Rainer Arnold

Nunha clase maxistral organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración da facultade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 09/10/2008

Os alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación recibiron unha clase maxistral sobre a teoría e a práctica do federalismo alemán da man do catedrático de Dereito Público da Universidade de Ratisbona en Alemaña, Rainer Arnold. Organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración, a actividade organizouse co obxectivo de “achegar aos estudantes outra visión e afondar en certos modelos políticos desde o punto de vista de profesionais na materia”, explicou o responsable da iniciativa Celso Cancela.
Ao longo da súa intervención, o experto en dereito europeo e comparado realizou unha aproximación panorámica ás principais institucións políticas da República Federal, para logo centrarse na reforma constitucional realizada en setembro de 2006 coa Lei Fundamental de Bonn. Segundo explicou Arnold, esta lei tivo dous grandes obxectivos, por unha banda o de equilibrar o reparto de competencias entre a federación e os estados federados e, doutra banda, orientouse a reducir a capacidade de bloqueo lexislativo do Bundesrat ou Consello Federal que se fora estendendo máis alá das previsións constitucionais.
Finalmente, o catedrático subliñou que sería erróneo interpretar a mencionada reforma como unha recentralización xa que, na súa opinión, pódese discutir se o federalismo alemán segue a ser de tipo cooperativo ou si se achega máis a un modelo dual.

Un experto en dereito europeo

O encargado de impartir a charla baixo o título Teoría e práctica do federalismo alemán, Rainer Arnold, é catedrático de Dereito Público e conta coa Cátedra Jean Monnet Chair da Universidade de Ratisbona en Alemaña. Ademais de impartir clases nesta institución, está especializado en dereito europeo e comparado e é profesor convidado en varias universidades de toda Europa. Na súa ampla experiencia na área das ciencias políticas destaca como autor de numerosas publicacións científicas e de estudos en relación a estes temas.