DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antonio Carlos Pereira inicia o Ciclo de Conferencias da Facultade de Dereito

Os estudantes de Dereito achéganse ao debate da reforma do Estatuto

O obxectivo é pór ao alumnado en contacto coa realidade da súa profesión

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 14/03/2011
Os contidos dunha titulación non son coñecementos estancos. Están sometidos a permanente crecemento e actualización. Como futuros profesionais, esta situación obriga aos universitarios a estar ao tanto das cuestións candentes das súas respectivas áreas. É o caso do alumnado de Dereito, que este mes participan nun ciclo de conferencias onde, comezando pola reforma do estatuto de autonomía, abordan as problemáticas actuais da ciencia xurídica.

O Ciclo de conferencias da Facultade de Dereito comezou este luns coa colaboración do Consello Social da Universidade e co obxectivo, segundo salientou Miguel Michinel, decano do centro, de “pór ao alumnado en contacto coa realidade máis práctica do Dereito en todas as especialidades da disciplina”. Para conseguilo, destacados especialistas, como catedráticos, avogados, xuíces ou inspectores de facenda, están convidados a disertar co alumnado de últimos cursos sobre os problemas máis actuais do Dereito penal, procesal, laboral, financeiro, mercantil e internacional.

O encargado de iniciar este luns o ciclo foi Antonio Carlos Pereira, profesor titular de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, que abordou a polémica cuestión da reforma do Estatuto de Galicia desde o punto de vista do Dereito. Pereira comezou advertindo que “o tema da reforma do Estatuto depende, ademais de factores políticos, da estrutura da nosa Constitución, o contexto onde está ubicado”. Así, explicou, a cuestión fundamental é preguntarse “que marxe deixa a Constitución para realizar esta reforma?”, pregunta a que el resposta concluíndo que a actual cCarta Magna “non deixa moita marxe”.

Facendo un percorrido polos diferentes tipos de comunidades políticas, desde as máis centralizadas, como o estado unitario centralizado, ás máis descentralizadas, como as confederacións, Pereira advirte de que nos atopamos máis preto das primeiras que das segundas. Ante esta realidade, sinala a importancia de reflexionar sobre “tópicos como que a unidade fai a forza” e chama a atención sobre o feito de que os países máis desenvolvidos contan con fórmulas máis descentralizadas e que nos momentos nos que España gozou de máis esplendor foi en momentos de moita heteroxeneidade interna. Unha situación que, salienta, obriga “a revisar algunhas cousas que se dan por supostas”.

Dous días de sesións

Os outros temas de actualidade abordados nesta primeira sesión do Ciclo de Conferencias da Facultade de Dereito foron os defectos máis comúns das demandas laborais, cunha conferencia a cargo de Pedro Rabanal, profesor e maxistrado do Xulgado do Social nº 4 de Ourense, e a última reforma do Código Penal, tema a cargo de Miguel Díaz, catedrático de Dereito Penal da Universidade de León.

O ciclo continuará o luns 21 de marzo con outras tres conferencias a cargo de especialistas e profesionais do Dereito. Esta segunda sesión comezará no Colexio de Avogados de Ourense, onde Antonio Dorado, vogal do Consejo General del Poder Judicial, falará sobre o expediente dixital na Administración de Xustiza. Tras esta intervención, as conferencias continuarán na Facultade de Dereito coas intervencións de Pedro Ibáñez, presidente do Tribunal Economico-Administrativo Rexional de Galicia, que analizará o funcionamento dos Tribunais Economico-Administrativos, e de Alberto Emparanza, catedrático de Dereito Mercantil da Universidade do País Vasco, que abordará a cuestión da responsabilidade 'limitada' do porteador terrestre, concretamente a contía e supostos de perda de dita limitación.

Con este programa e tal e como salienta o coordinador do practicum de Dereito, José Mosquera, “coa participación de destacados expertos de fóra conseguimos insertar aos estudantes na realidade do Dereito coa finalidade de completar os seus coñecementos prácticos e formación”.