DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un estudante de Tradución e Interpretación relata a súa experiencia en Leipzig (Alemaña)

Os estudantes Erasmus valoran cun sobresaínte as súas estadías no estranxeiro

Así o reflectiron nunha enquisa os máis de 500 estudantes que participaron o curso pasado no program

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 25/11/2009

Case un sobresaínte. Así avalían os máis de cincocentos estudantes da Universidade de Vigo as súas experiencias como Erasmus en países de toda Europa. Destacan o valor académico de estudar parte dos seus estudos no estranxeiro, pero sobre todo, danlle unha enorme valía a experiencia persoal que supuxo para eles os meses pasados noutros países da nosa contorna.
Son parte dos resultados reflectidos na enquisa realizada aos 510 estudantes da Universidade que o curso pasado partiron das aulas viguesas acolléndose ao programa Erasmus. É unha tendencia que se repite por campus e tamén por centros, das 33 titulacións que o curso pasado tiveron estudantes cursando parte dos seus estudos no estranxeiro, a avaliación global da súa estancia Erasmus é sempre un notable alto ou un sobresaínte. A isto habería que engadir outros datos altamente positivos, entre os que destaca o feito de que case todos consideran que a súa estancia no estranxeiro lles axudará a conseguir un mellor futuro profesional e, por suposto, non se esquecen das melloras a nivel idiomático que supuxo para eles o programa.
Ademais de dar a posibilidade de continuar coa formación noutra institución académica estranxeira e facilitar o coñecemento doutros xeitos de traballar, o programa permite, e isto é o que máis valoran os estudantes, coñecer outras culturas, establecer relacións con xente doutros países, así como coñecer que se está a facer noutros lugares no campo no que te vas desenvolver profesionalmente.

Os mellores embaixadores do programa

A enquisa, obrigatoria para todos estes estudantes unha vez realizada a súa estadía, fai un repaso a través de máis de vinte preguntas a toda experiencia Erasmus destes estudantes, dende os primeiros trámites que realizan na institución de orixe ata toda unha serie de variables con respecto á universidade de acollida e as súas impresións persoais de todo o proceso.
“Ao ser as respostas dos estudantes da Universidade de Vigo que escollen ir ao estranxeiro combínase a súa valoración da institución de acollida en comparación coa Universidade de Vigo, aspecto que considero moi interesante”, salientou ao respecto o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, quen tamén considera que estes resultados axudan a que uns compañeiros que xa estiveron fóra animen a outros que están na actualidade pensando sobre a posibilidade de desprazarse un cuadrimestre ou un curso. “De feito, tamén agardo que as magníficas impresións que transmiten os estudantes en Erasmus prácticas axuden a consolidar unha interesantísima iniciativa non só para a formación, senón para a internacionalización do noso empresariado, tan importante no contexto actual”, subliñou.
Este bo sabor de boca co que chegan estes estudantes convérteos nos mellores embaxaidores deste tipo de programas, e así se reflicte na evolución das cifras de alumnos que se acollen ao programa: dos 164 estudantes enviados ao estranxeiro no curso 1998/1999 pasamos a números superiores aos 500, cifra en torno a que nos movemos na actualidade.

Unha experiencia que pode abrir portas a nivel laboral

Entre os aspectos ao que os estudantes lle dan unha maior importancia está tamén o feito de consideran que este tipo de experiencias os vai axudar no seu futuro profesional, un aspecto ao que lle dan especial importancia dende a propia vicerreitoría, “xa que moitos empregadores valoran especialmente o feito de que o estudante teña feito unha estadía no estranxeiro pois, alén do coñecemento de linguas implícito, tamén se pode deducir capacidade de iniciativa, de adaptación e de integración, entre outras circunstancias”, recalcou o vicerreitor.

Italia, mantense como destino favorito

Distribuídos nun total de 26 países, estes estudantes viaxaron sobre todo a Italia (103), pero tamén a Francia (64), Portugal (62) e Alemaña (55), se ben ano a ano se está a notar un incremento cara a países menos tradicionais neste tipo de programas como é o caso de Bélxica, a onde se desprazaron o curso pasado un total de 27 estudantes ou tamén Irlanda onde realizaron a súa estancia 19 alumnos e alumnas da Universidade.
Respecto ás universidades de acollida, aínda que os resultados son moi similares e nos tres campus o consideran como notable, os estudantes do campus de Ourense son os que mellor valoran o trato que se lles deu nas universidades que durante uns meses tamén foron as súas.
En xeral, tanto no centro de acollida como na propia Universidade da que parten, maniféstanse moi contentos co trato brindado e tan só botarían en falta un pouco máis de axuda cos trámites iniciais, tales como os procesos administrativos, tanto de partida como de chegada, ou a busca de aloxamento. “Realmente o resultado é bo e tamén é certo que non é perfecto, de xeito que pensaremos en novas ideas que permitan mellorar esta percepción”, sinalou Area, ao tempo que puntualizou que están xa a pensar en novas alternativas que permitan mellorar a información sobre mobilidade e sobre os cursos de linguas antes de marchar.

“O máis beneficioso foi coñecer unha cultura diferente”

“O máis beneficioso foi coñecer unha cultura diferente e ter que adaptarme a ela”, así resume Iván Reboreda, estudante de Tradución e Interpretación a súa estancia de dez meses na Universität Leipzig en Alemaña. Acostumado a vivir nunha vila pequena como Redondela, adaptouse axiña a vivir nunha cidade bastante máis grande con tres compañeiros de piso alemáns, “todos cos seus costumes”, indica Iván, quen recalca a importancia de irse facendo pouco a pouco cos pequenos detalles. “Falo de saber como actuar cando che presentan a alguén ou, por exemplo, cando te invitan á súa casa”, subliñou.
Agora, xa de volta, pensa que “marchar de Erasmus foi o mellor que puiden facer” pois, segundo apunta, ademais de aprender a comezar unha vida nun país de fala estranxeira e adaptarse a ese país, cumpriu con creces o seu principal obxectivo: aprender alemán. “Aprendín moito máis en cinco meses alí ca en dous anos aquí”, sinala, “intentei falalo dende o primeiro día e en xullo xa o facía de maneira máis ou menos fluída”.
A pregunta de si recomendaría a experiencia, responde cun si rotundo, “sobre todo porque estou seguro de que vai ser moi importante para o meu futuro, tanto aquí como fóra de España”. “O único que botei en falta foi a calor e un pouco máis de luz solar en outono e inverno, polo demais, perfecto”, engadiu.